Opinión

A clase traballadora rebélase en Francia

Van máis de dous meses de mobilizacións masivas contra a reforma laboral de Hollande en Francia, concretadas en folgas sectoriais, manifestacións e ocupacións de prazas. Nas protestas participan, ademais da clase traballadora, estudantes, así como outros segmentos sociais a través de Nuit Debout, que algúns consideran un xeito de 15-M á francesa. Agora ben, resulta evidente que as folgas teñen un carácter central, xa que teñen un efecto directo sobre a economía (e os beneficios das clases dominantes) e inciden na actividade normal da povoación. Tamén cuestionan a oportunidade das medidas tomadas polo Governo “socialista”, mesmo pra alén de que sexan regresivas no social, que é o aspecto fundamental. Asemade, unha oposición tan forte non é un problema menor pra Unión Europea, xa que constitúe un atranco e unha deslexitimación das políticas neoliberais que propicia, máxime sendo Francia a segunda economía da Unión. Ou sexa, este é un mal exemplo pra a burocracia de Bruxelas, xa que ataca o guión que é funcional á globalización.

A reforma laboral que defende Hollande e argallou Valls precariza as relacións laborais, resta poder á negociación colectiva, individualiza as contratacións e debilita os sindicatos. Nela os acordos de empresa prevalecen sobre os de sector e facilítanse os despedimentos por diminución dos pedidos, queda dos ingresos ou reformas tecnolóxicas ou de organización. As indemnizacións por despedimento improcedente sofren unha rebaixa xeral, pasan de catro e tres meses se a antigüidade é menor a dous anos, e de 27 meses a quince con máis de vinte anos de antigüidade, etc. Non se pode dicir que sexan medidas anovadoras, xa que son as que se están a tomar en todos os estados da UE, coa leria da competitividade e do mantemento do emprego. Pura mentira, porque tanto cando baixa como cando aumenta o PIB, as condicións laborais séguense a degradar e a baixar os salarios, o mesmo nos estados máis poderosos da Unión que nos periféricos. Verifícase con toda claridade que estas medidas teñen como obxectivo principal acrecentar a taxa de lucro das corporacións e grandes fortunas aumentando a explotación laboral.

A forte contestación social non é unha novidade. Xa no ano 2010 houbo folgas e mobilizacións masivas, durante meses e como agora en sectores chaves (como a enerxía e o transporte), contra a reforma das pensións do Governo de Sarkozy. Este mantívose inflexíbel e non cedeu á presión popular, a perda do governo posteriormente foi sen dúbida un dos pagos da súa soberbia fronte ás reclamacións da maioría. Outro tanto pode acontecer co Governo de Hollande, xordo ao sentir das mobilizacións, que ademais colocan o Partido Socialista diante das súas contradicións ideolóxicas, como nunca antes. Segundo as enquisas, un 70% da poboación está en contra da reforma laboral, e só un 16% dos franceses/as confían en Hollande. Polo momento, todo indica que Hollande-Valls queren seguir o guión de Sarkozy, aprobando ademais a reforma sen debate nin votación da lei no parlamento, como unha medida de emerxencia (o famoso artigo 49.3 da constitución francesa).

Aínda é moi cedo pra saber como vai rematar este conflito, e polo tanto, se o Governo francés se verá obrigado a retirar a reforma ou non. Porén, mesmo aprobándoa con esta chantaxe institucional, a conflitividade laboral pódese manter e mesmo ir a máis, non repetindo o que pasou no ano 2010 cando a mobilización parou. Que continuase sería fundamental pra a construción dun suxeito político de referencia en Francia, e como revulsivo no conxunto da Unión Europea pra fortalecer a oposición contra á permanente regresión en dereitos e condicións laborais. Mesmo non sendo así, toda contestación social sempre deixa un pouso de rebeldía na conciencia colectiva. Paga a pena.

Te puede interesar