Opinión

Concerto económico. Algo máis que cartos

 

As modificacións que se fagan no modelo de financiamento autonómico teñen importancia pra Galiza, xa que delas depende a contía dos recursos en investimentos, servizos e prestacións pra os vindeiros anos. Ate o momento, realizouse unha reunión de presidentes autonómicos (á que non asistiron Catalunya e País Vasco) e un primeiro debate no Parlamento galego. A Xunta nomeou un economista pra Comisión de Expertos sobre o modelo de financiamento. O catedrático Santiago Lago foi proposto logo de consultar con tres grupos parlamentares (PP, PSOE e En Marea). Seica non puideron contactar co BNG, o que é difícil de crer. Chama a atención que se elixa o experto antes de clarificar que modelo de financiamento se vai defender. 

No Parlamento a fronte nacionalista foi moi crítica cos resultados da reunión de presidentes  celebrada en Madrid, e propuxo que o noso País reclamase un concerto económico, como o que teñen o País Vasco e Navarra. Non é unha postura nova por parte do BNG, xa que nas eleccións autonómicas de 2012 Francisco Jorquera fixera unha proposta semellante. Na actualidade, este tema colleu unha relevancia especial, xa que corresponde debater o novo modelo, e a realización do referendo catalán (pode que adiantado a xuño) obriga o Governo a facer axiña novas propostas. Tanto o PP, como Ciudadanos e o PSOE, consideran que a confrontación con Catalunya dáse esencialmente en relación coas finanzas da Generalitat. Trátase dunha visión economicista, que lle resta valor á cuestións de moito peso, como a identidade e a democracia, ou sexa, á defensa da cultura e linguas propias e do dereito a decidir soberanamente. 

O noso País xógase moito no novo modelo, aínda que a súa reforma con esta correlación de forzas non faga doado mudar os alicerces dun sistema probadamente inxusto, e non evite que as políticas estratéxicas no ámbito económico-laboral se sigan decidindo en Madrid e Bruxelas. Ou sexa, en función dos intereses dos territorios e clases hexemónicas. Porén, con maiores recursos pódense atallar algúns dos efectos máis nocivos e dar alento a iniciativas económicas, sociais e culturais intensivas en man de obra, autocentradas e sustentábeis. Mais pra que estes avances sexan efectivos, débense asociar aos obxectivos estratéxicos. Daquela que teñan importancia tanto a contía como as características da relación financeira entre Galiza e o Estado español. E neste aspecto, o concerto económico representaría un avance. Primeiro, sería a facenda pública galega a que recadaría todos os impostos. Segundo, definiríase con toda claridade cal é a contía da transferencia (cupo) correspondente aos gastos do Estado e ao fundo de solidariedade interterritorial. Terceiro, a negociación sería directa entre a Xunta e o Governo central.

A portavoz do BNG daba os seguintes dados: Galiza aportou en impostos 11.131 millóns de euros no ano 2014 e o Governo central transferiu á Xunta de Galiza 7.043 millóns. Cómpre engadir que os orzamentos do Estado tiveron o pasado ano un déficit do 5%, que se cubriu con débeda pública (sobre o PIB galego serían case 2.800 millóns de euros a máis, o que aumentaría moito o orzamento da Xunta). Asemade, hai 3.400 empresa que teñen actividade na Galiza e sede central en Madrid (efecto capitalidade, vantaxes fiscais, etc). Pra alén destas cifras, o modelo actual terxiversa a realidade (segundo a Axencia Tributaria no ano 2011, Madrid recolleu o 48,05% dos impostos estatais, co 13,8% da povoación do Estado). Preséntase como solidariedade o que é simple centralismo, xa que unha parte considerábel son ingresos a costa do traballo doutros territorios. Ademais, e isto é moi importante, o sistema tributario beneficia ás grandes empresas e aos máis ricos. Vai sendo hora de aclarar estes temas.

Te puede interesar