Opinión

As contas da leiteira

Nestes días todo pasa pola peneira política, encetando polas estatísticas, de xeito tal que o que reproducen moitos medios, especialmente en titulares, pretende incidir no estado de ánimo do lector ou ouvinte, e na intención de voto. Este é o caso en todo o relativo ao emprego e ás condicións de vida da povoación. Trátase dun tema sensíbel, sobre todo en momentos electorais, xa que na política cotiá priman outros aspectos. Será coa intención de opacar algo tan fundamental como o reparto do traballo e da riqueza producida, facilitando a concentración e centralización do lucro e o poder en poucas persoas e determinados territorios?

Un exemplo témolo na análise do resultado anual da evolución do desemprego durante o pasado ano. Uns medios realzan que é o maior descenso dende hai décadas, e teñen razón. Outros sinalan que se creou preferentemente traballo precario e mal pago, e din a verdade. Algún xornal galego ten o atrevemento de destacar que as cifras pra Galiza son mellores que as do Estado español, porén agocha o feito de que isto se debe á emigración, que non é consecuencia da puxanza da economía. Nomeadamente, os dados da Seguridade Social amosan que a afiliación medrou o ano pasado en 476.000 persoas no Estado español e só 20.382 na Galiza; ou sexa un 4,3% pra unha povoación que representa o 5,86%. Non podía ser doutro xeito porque o PIB aumentou un 3,9% e 2,1% respectivamente en termos anuais ate setembro de 2015.

Aínda con todas estas eivas, seica é un avance; valorase que a explotación é menos agresiva que a exclusión. Sendo certo, hai que ser moi insensíbel pra aceptar o mal menor como unha solución. Na práctica estanse impoñendo unhas condicións laborais que significan un recuar de décadas, como se fose un mal inevitábel causado pola natureza, mentres en paralelo diminúen os desempregados cubertos por prestacións económicas. Un retroceso que nada fai pensar que non siga a medrar, a menos que o impida unha maior presión sindical e política, e se reduza drasticamente a man de obra de reserva interna e externa. Hoxe, unha boa parte da clase traballadora vive en condicións precarias, mesmo tendo un emprego durante todo ou parte do ano, e non ten garantida unha pensión pra súa vellez. Ao que cómpre engadir que en moitos sectores é normal traballar máis horas das que se cobran e polas que se cotiza.

Outro aspecto que destacan os medios é que, segundo o IGE, no 4º trim. De 2015, o 57,9% dos fogares galegos tiña dificultade ou moita dificultade pra chegar a final do mes. Semella unha porcentaxe alta, mais se analizamos a serie comprobamos que comeza no ano 2010, polo que carecemos de dados cos que facer unha comparación estendida no tempo. Ademais, as cifras pra o 1º trimestre de 2013 son do 63,31% e pra 3º trim. do 55,5%. Como se pode dar unha queda tan grande en tan pouco tempo, máxime cando no seguinte trimestre volve subir máis de 4 puntos? Semella que estas estatísticas non son fiábeis. Ou a mostra é moi pequena, ou hai moita “cociña”. En calquera caso, os fogares con dificultades económicas son moitísimos. Isto é orixinado por catro cuestións: precariedade laboral (temporalidade, baixos salarios, horas non cobradas, etc.), desemprego, pensións moi baixas, e falta de cobertura á dependencia.

Resulta evidente que este proceso de concentración do poder e da riqueza tamén está a atinxir a moitos autónomos (reais e falsos), así como a pequenos empresarios (e algúns que non o son tanto). Porén a solución nunca será esmagar aos do chanzo máis baixo, como pretenden os capitalistas. Do que se trata, xa que beneficiaría á inmensa maioría, mesmo pra democratizar a economía e as institucións, é de repartir traballo e ingresos, poñendo na balanza esforzo e solidariedade.

Te puede interesar