Opinión

O crecemento depende da industria

Non pretendo restarlle importancia ao turismo dentro da economía galega, aínda que a inmensa maioría das vendas na hostaleira e comercio débense ao consumo interno. Algo que as veces se esquece. Ou sexa, que as actividades primarias e a industria transformadora son esenciais nun país como o noso, e de como estas evolucionen depende a consolidación do sector servizos. Neste aspecto a economía galega contrasta coa de Canarias, Baleares, e mesmo con outras que tendo un gran desenvolvemento industrial, e mesmo agrícola, como Cataluña e Valencia, son receptoras dunha importante masa turística peninsular e europea.

Polo tanto, todo fai pensar que o noso país vai pesar pouco, en relación con outras nacionalidades e rexións do Estado español, na adxudicación de recursos por parte do Governo central á recuperación do turismo en concreto e da economía en xeral, por máis que a Xunta faga un esforzo especial divulgativo e reivindicativo do Camiño e Santiago e do Xacobeo en concreto. Chama a atención que non se potencie co mesmo énfase un patrimonio arqueolóxico único, de dolmens, castros, murallas como as de Lugo, ou un rural tan humanizado, unha cultura e lingua particular, a riqueza gastronómica... Esta actitude será polo nexo relixioso?

En calquera caso a preocupación por estas actividades terciarias non deberían facer que se esquecese que a cuestión central está en como evitarmos, e saírmos fortalecidos, do proceso de axuste nas actividades primarias e secundarias, que son a base da economía galega. A reconversión e desmantelamento do naval, enerxía, aluminio,... os baixos prezos pagados ao sector leiteiro que o converten en insostíbel, o abandono do rural, son temas que non se poden tratar illadamente e moito menos consideralos como problemas transitorios. Non o son, máxime cando a tendencia é cada vez máis negativa, como amosa a destrución de empresas e granxas, o decrecemento demográfico, e mesmo a forte migración malia a queda da natalidade.

Deixar que a situación podreza, ou poñer o acento só ao que sucede en Cataluña e á pandemia do covid-19, ao que non pretendo restar importancia e urxencia, todo indica que busca canear as cuestións estratéxicas. Ou sexa, non dá resposta necesaria aos problemas desta nosa nación galega, senón que axuda a agravalos, aínda que non sexa ese o obxectivo. O Governo central e a Xunta de Galiza teñen a obrigación política de forzar ás empresas estratéxicas a que garantan planes de continuidade, ou como alternativa utilizar os recursos públicos pra evitar o peche ou xerar actividades alternativas.

O aumento do prezo da electricidade e dos metais deixa en evidencia as consecuencias de primar a economía de escala, e a importancia de reducir os circuítos entre a produción e o consumo (tamén diante das catástrofes, conflitos e o aumento da polarización entre potencias). Non se trata dunha situación conxuntural, senón que ademais amosa os límites obxectivos na relación entre as persoas e a natureza, e polo tanto da necesidade imperiosa de reducir a mobilidade ao imprescindíbel, tamén a do transporte de materias primas e produtos transformados. E, este aspecto esencial pra o futuro da humanidade debe formar parte do modelo económico e social cando falamos de competividade empresarial, eficacia, e rendibilidade, e sobre todo de onde e como investir, tamén o diñeiro público.

Non se pode protexer o ecosistema reproducindo o modelo socio-económico do pasado, crendo que abonda con substituír o sistema enerxético. Tampouco se pode pensar que o Xacobeo, sendo un apoio, ten potencial suficiente pra recuperar a economía e o emprego, cando todo reflicte que o crecemento depende da actividade industrial, da innovación, da socialización da tecnoloxía punta,... e do grao de soberanía.

Te puede interesar