Opinión

Crise, axuste... grandes cambios

Os datos económicos deixan en evidencia a crise na que está mergullada a Unión Europea, por mor as sancións a Rusia e as medidas de Estados Unidos pra aproveitar a conxuntura e atraer empresas afectadas polo medre do custe na enerxía e os gastos en defensa, algo que repercute especialmente en Alemaña a “locomotora” da UE.

Neste país o PIB leva tres trimestres caendo ou estancado (-0,5%, -0,3%, e 0,0% no segundo trimestre de 2023). A Unión Europea indicou este mes que Alemaña terminara o ano cun retroceso do PIB do -0,4%. Pra o conxunto da UE as expectativas da Comisión Europea son dun medre do 0.8% do PIB pra este ano e do 1,4% en 2024, rebaixando en ambos casos o crecemento en relación con informes anteriores. Esta difícil situación da economía está ligada á confrontación militar e económica, en distintos lugares do mundo, aínda que teña máis incidencia, pola implicación directa da UE, a guerra na Ucraína, mais tamén os grandes investimentos por mor da emerxencia climática, e o fortalecemento das potencias do Sur Global. 

Aínda que a crise afecta a moitos países do mundo, uns por formar do histórico bloque hexemónico, hoxe cuestionado e con eivas evidentes, e outros pola dependencia neocolonial do anterior; non se pode obviar que o medre do PIB, aínda que sexa en valores menores, mantense en positivo en moitos países da periferia (especialmente aqueles que por explotación de materias primas, un grao de industrialización importante, densidade demográfica, governos fortes...), dando pulo a un mundo multipolar (non necesariamente representando só por dous bloques confrontados. Hai moitas posturas intermedias, por exemplo India, Turquía, Arabia Saudí...). 

É verdade que esta crise está afectando menos ao Estado español, polo momento, que ao resto da UE, e non digamos en relación con Alemaña e mesmo Francia. Agora ben, estar na parte alta da poza non implica ficar á marxe das tendencias dominantes da crise, mesmo que as previsións da Comisión Europea pra este ano sexan dun medre do 2,2% do PIB e pra o seguinte do 1,9%. Outro dato a termos en conta é que, ademais de ser o aumento moi moderado, o crecemento na Galiza é unhas decimas inferior. Tamén se debe ter en conta, respecto deste axuste entre países que ademais atinxe as clases sociais dun xeito diferente. 

Concretamente nas clases populares a alimentación, vivenda, transporte, representa unha parte máis importante do gasto, que nunha familia da clase media alta. Polo que é relevante e moi negativo que o prezo dos alimentos aumentase un 21% no último ano e medio. Outro dato que abonda respecto da incidencia segundo a clase é que no ano 2022 a gran empresa galega aumentou as vendas un 60% fronte á baixada de ventas das pequenas. É dicir que as medidas que se están tomando contra esta crise, como noutras anteriores, non evitan a concentración da riqueza, e polo tanto do poder (algunhas medidas arróupanse de “progresistas” porque reducen as situacións de marxinalidade e precariedade social, mais só son unha tirita). 

Por unha banda, ficamos diante dunha disputa entre grandes potencias polo reparto da riqueza e do poder, onde a solución multipolar sen dúbida é a opción máis mellor, e a única que pode rebaixar a conflitividade militar, económica, do relato... Por outro lado esta alternativa, aínda que sexa mellor, non soluciona o problema de que se manteña a concentración e centralización. Aínda que mellora o escenario, non garante que as nacións dependentes, con ou sen estado propio (caso Galiza) teñan un trato igualitario. O propio pasa en relación á xustiza social, á participación e protagonismo das clases populares, á igualdade, etc. O mundo está definindo novas regras. Que papel considera a Xunta que debe ter a nación galega nestes cambios?

Te puede interesar