Opinión

A crise, máis que unha pandemia

Todo indica que máis unha vez asistimos a un repunte dos casos de covid-19, aínda que grazas á vacinación os efectos sexan menos agresivos, especialmente en perda de vidas humanas. Esta nova onda da pandemia, agora seica agravada pola variante surafricana, amosa como ningunha outra anterior que o virus seguirá presente mentres toda a povoación non estea vacinada. E isto implica a todos os países do mundo, especialmente aqueles cos hai moita relación e/ou que teñen unha gran mobilidade, ben sexa polo turismo, polo comercio, ou polos fluxos migratorios. Tampouco se pode obviar que canto maior sexa a concentración humana e a mobilidade máis rápidos son seus efectos, o que reflicte os límites e perigos da globalización neoliberal que a elevou como nunca antes tanto por necesidade do modelo, como por modificación de hábitos e por status.

Ademais, dado a ruptura da equilibrio entre o ser humano e a natureza, ren impide que a esta sigan outras epidemias, mesmo máis lesivas, non son poucos os/as científicos que chaman a atención respecto deste escenario. Tamén resulta evidente que a resposta contra o covid-19 foi rápida e eficaz en termos xerais. Tampouco se pode esquecer a importancia que tivo neste aspecto a investigación, os servizos públicos de saúde, as medidas preventivas dos governos, e a colaboración da xente. Mais está valoración estaría incompleta sen contar con laboratorios que produzan vacinas accesíbeis pra todo o mundo, con rapidez e en número suficiente. Ou sexa, deben ser públicos. Ningunha actividade relacionada tan directamente coa preservación de vida pode ter o lucro como obxectivo (ser un negocio). Non se trata dun debate ideolóxico, senón do que reflicte a práctica, a pandemia amosou a importancia e eficacia do público en actividades esenciais (se as enerxéticas estivesen nacionalizadas non sería outra a situación dos prezos da luz e carburantes?...)

Outro aspecto máis estrutural que deixa en evidencia a pandemia, porén tamén a desfeita ecolóxica, é que o sistema económico e social actual está esgotado, tanto pola sobreexplotación de recursos, como pola necesidade de mudar hábitos de produción e comportamentos humanos que son insostíbeis, tanto en consumo como en mobilidade, e estas eivas non se solventan só coa enerxía verde e a dixitalización. Non son poucos os analistas que chaman a atención sobre o gasto enerxético que implica a produción de medios dixitais, e na minería de criptomoedas, por poñer dous exemplos moi distintos. Todos estes aspectos, así como a desigualdade entre clases e países, entre as zonas rurais e as urbanas, as migracións masivas, a demografía, os conflitos... están relacionados entre si, son interdependentes, e deben ser tratados como un conxunto. O bloqueo dun barco na canle de Suez provocou un atranco no abastecemento mundial. Estes son as consecuencias da produción de escala, do control da economía por unhas poucas corporacións e potencias, á marxe dos intereses das maiorías sociais.

Coido que estas cuestións hai tempo que se están a debater nas estruturas de poder e que se van tomar medidas que, aceptando cambios que son ineludíbeis, porén pretendese facer a costa dos países subordinados e das clases subalternas. Non terán esta finalidade os fondos Next Generation, dos que se sabe moi pouco como se reparten en concreto, pra alén das grandes cifras?... En resumo, aínda non está claro cal vai ser a incidencia da variante surafricana, mais os temores que esperta nos governos é propio de quen sabe que non está facendo os deberes ben, que deixa moitos cabos soltos, pra volver ao pasado. Hai que mudar. Hai medios técnicos e recursos, a cuestión é como se utilizan, se con xustiza ou solidariedade ou seguirán dependendo do poder e do control dos máis fortes...

Te puede interesar