Opinión

A cuestión do poder sempre é estratéxica

Segundo as previsións do Governo central, a economía do Estado español vai medrar este ano e máis o seguinte rente dun 3%. Seica sería por mor das políticas de austeridade e recuar nos dereitos laborais (degradación da negociación colectiva, salarios máis baixos, contratación precaria, etc). Asemade, destaca que está a aumentar o consumo, o crédito ás empresas e particulares, e o emprego. Esquece dicir, que esta recuperación dáse en todos os estados de UE, e que se sustenta: no baixo prezo do petróleo; na flexibilidade cuantitativa do BCE (que pagamos todos e todas); na depreciación do euro en relación ao dólar, o que desalenta as importacións e favorece as exportacións; no medre do turismo, por ese mesmo motivo, e pola situación en Grecia, Exipto, Tunisia e outros países. Todas estas variábeis son circunstanciais e dependen da conxuntura internacional.

Polo tanto, os alicerces sobre as que se sustentan o medre do PIB e a xeración de emprego son abondo inestábeis. A isto engádense o aumento da desigualdade social e as normas restritivas nos dereitos esenciais, como os de manifestación e protesta social, que caracterizan a xestión da crise por parte do Partido Popular. Daquela que, alén da situación dramática de moitas familias, enfrontadas co desemprego, os desafiuzamentos, e a falta dos medios pras necesidades esenciais, a crise ten ademais un pouso con consecuencias permanentes, xa que non se soluciona cun maior medre da economía, nen con medidas solidarias que protexan os sectores máis vulnerábeis. Estou a falar da regresión nos dereitos laborais, na privatización e redución dos servizos e prestacións.

A tendencia do capitalismo desenvolvido non fortalece, como durante a chamada “guerra fría”, os dereitos laborais e sociais e os mecanismos de participación, senón que acepta resignadamente as extorsións das corporacións e grandes fortunas, concedéndolles beneficios fiscais e con actitudes permisivas. As grandes achegas á Banca, de máis de 50 mil millóns de euros, que pagamos todos e todas e das que seica se recuperará só unha pequena parte, son un exemplo. Tamén o é o 3% que pagaron os capitais que se regularizaron coa amnistía fiscal, ou a taxa fiscal ridícula sobre as SICAV. Sería moi inocente pensar que esta situación vaise reverter cun cambio de partido nas institucións, sen un programa que mude os alicerces do sistema. Asemade, cómpre sumar grandes mobilizacións sociais, e un aumento do protagonismo das clases populares. O que está a acontecer en Grecia amosa as limitacións dos proxectos que non cuestionan o capital e a dependencia, mesmo que a situación termine empurrado o país fóra do euro, e isto permita a medio prazo certa reconstrución.

Neste contexto, e tendo en consideración a tendencia dominante, hai que caracterizar a situación coa que se enfronta o povo galego. Tampouco se pode ignorar que, a diferencia doutras nacionalidades do Estado español, as forzas nacionalistas non son hexemónicas na Galiza, o que agrava a súa subordinación política e, polo tanto, a capacidade pra incidir de xeito positivo sobre o constante axuste entre territorios na redistribución do capital e do traballo. Por esta razón, mesmo sendo o noso un país rico en materias primas e enerxía, cunha extensa costa e un clima excepcional, hai décadas que padecemos unha regresión demográfica e salarios máis baixos que na contorna. E esta tendencia acelerouse coa entrada na UE e a globalización neoliberal. Malia o optimismo de Feijóo, non hai ningún dato que permita pensar que se vai reverter esta evolución, alén de picos conxunturais propios de todo proceso. Non hai atallos, nen saídas intermedias. No capitalismo os máis fortes devoran aos máis débiles. O que lle dá un carácter estratéxico á cuestión do poder, da soberanía.

Te puede interesar