Opinión

Os custes de xirar á esquerda timidamente

Asituación da economía na Arxentina está a pasar por unha etapa difícil dende hai tempo, e agravouse, tanto polo efecto da pandemia do covid-19, como pola inflación e a inmensa débeda externa que contraeu o anterior governo de Mauricio Macri. Este último aspecto é un atranco importante, xa que malia ter pasado varios meses aínda non foi posíbel un acordo co FMI que faga asumíbel o pago do crédito (45 mil millóns de dólares) sen hipotecar o futuro do país e aumentar a desigualdade social. Por se non abondase, a renegociación do acordo co Fondo Monetario Internacional depende de Washington, xa que pra súa aprobación necesita un respaldo do 85% e os Estados Unidos ten capacidade de veto, xa que posúe máis dun 16% do voto ponderado.

O novo embaixador de Estados Unidos pra Arxentina, Marc Stanley, afirmaba diante do Senado, que debía aprobar a súa designación, condicionando o apoio no FMI a que Alberto Fernández asumise unha actitude antagónica con Cuba, Venezuela e Nicaragua, que a proposta de pago do Governo conte co apoio da oposición de dereita, e a que o país non adopte o 5G de China. Todo isto coa escusa da “defensa dos dereitos humanos”, que o paraugas que utiliza Washington pra arroupar seus intereses e xustificar todo tipo de imposicións, bloqueos, sancións, e intervencións no exterior. O acordo co FMI é vital pra Arxentina e o Executivo de Alberto Fernández porque o vindeiro ano vencen pagos por 19 mil millóns de dólares e unha cantidade semellante en 2023.

A inflación, que na Arxentina xa era moi elevada, o pasado mes de setembro atinxía o 52,5% en termos anuais. Sobre este tema o economista arxentino Julio Gambina facía a seguinte reflexión: “A inflación é un problema local, con especificidades do conflito e a contraditoria loita de suxeitos intervenientes no proceso económico, entre o capital e o traballo, entre capitalistas, con maior ou menor intervención estatal. A dinámica escalou a nivel rexional e globalmente de maneira crecente polo fenómeno da internacionalización da produción e o comercio, xunto á tras-nacionalización do capital (...). Non é de estrañar que, aínda que se produce un repunte económico, medido en termos de crecemento do PIB nos países, non haxa unha recomposición proporcional de ingresos entre salarios e rendas do capital (beneficios comerciais ou industriais e rendas da terra ou diñeiro), así como do emprego. A norma é a expansión da desigualdade, cunha maior concentración da renda e da riqueza e, polo tanto, a inclusión de novos colectivos de pobres e indixentes”.

Este contexto tan difícil está condicionando as vindeiras eleccións de media lexislatura do 14 de novembro e que foron precedidas por unhas primarias, as PASO, nas que o governante “Frente de Todos” perdeu apoio cidadán, acadando só un 32,43% do voto, por detrás da dereita “Juntos por el Cambio” que atinxiu o 42,2%. Ao mesmo tempo houbo un ascenso de forzas de dereita e neoliberais e da esquerda rupturista. Ou sexa, fragmentouse o voto e medrou a abstención en case que 9 puntos, reflectindo o descontente con respecto ao Governo e ao principal partido da oposición. Hai analistas que destacan que a cuestión non só sería especifica da Arxentina, senón que é consecuencia de que foi medrando a fenda entre os sectores marxinados e a clase traballadora, ao faltar un proxecto que desde a esquerda, pra alén das axudas puntuais nun caso e dos aumentos salariais conxunturais no outro, sexa aglutinador das aspiracións estratéxicas das clases subordinadas. É dicir, falta poñer en práctica unha alternativa que substitúa a globalización neoliberal. As eleccións do 14, que poden deixar en minoría en ambas cámaras a Fernández, polo que teñen importancia pra alén da Arxentina... Malia as eivas, non é igual avanzar que recuar.

Te puede interesar