Opinión

Dando folgos á guerra

O envío dos F-16 por parte dos países occidentais, antes da máis que anunciada ofensiva ucraína, hai que entendelo como unha evidencia das consecuencias da ocupación por parte de Rusia da cidade de Bakhmut, despois de máis de 200 días de combates. Este triunfo deixou en evidencia a superioridade militar de Moscova, que non se reverterá coa entrega de tanques, mísiles de longo alcance, e apoio loxístico e máis asesores,... Ademais á caída de Bakhmut, e á inmensa eliminación de tropas, súmaselle o fracaso dos Patriot estadounidenses fronte aos mísiles hipersónicos Kinzhal. 

Polo tanto, todo indica que tampouco a entrega destes cazas á Ucraína permitirá derrotar a Rusia. Ademais terían que preparar os pilotos e completar a loxística de apoio, como ven sabe o bloque “occidental” (ou xa o fixeron en boa medida?). En resumo, todo amosa que no esencial o que se busca é prolongar a guerra e consolidar a ruptura entre bloques, gañando tempo a fin de que se sumen o maior número de países ao bloque dos Estados Unidos e potencias aliadas. Daquela que en lugar da procura da paz (pola OTAN e aliados) a cada avance de Rusia e proposta de paz de China, Brasil e países africanos, se lle responda con máis armamento e sancións. 

Esta folla de ruta dirixida por “occidente” ten basicamente tres saídas. A máis perigosa, máxime cando se pensa que non é posíbel porque a ningunha das partes lle interesa, é unha guerra con emprego de armamento nuclear. Porén cando se xoga no estremo, e ante a falta de resultados positivos a cada paso adiante síguelle outro máis forte, e pódese superar a liña vermella. Esta é estratexia que Estados Unidos e aliados utilizan pra obrigar a Rusia a aceptar as condicións “occidentais”. Aínda que sexa parcialmente, porque no relato “occidente” aparecería como o gran triunfador e polo tanto Estados Unidos manteríase como o imperialismo hexemónico, marcando as directrices en todos os ámbitos, e coas potencias aliadas nun papel subimperialista. 

A outra opción, a que neste intre está en ascenso, é a dun mundo multipolar, no que se recomporía a correlación de forzas a nivel mundial, cun ascenso de países que polas súas riquezas e peso demográfico, como China, India, Rusia, Indonesia, Brasil... suplantarán na orde mundial a moitas das antigas potencias “occidentais”, como Alemaña, Reino Unido, Francia... e outras que fóra do continente europeo tiveron un papel destacado no pasado, como o Xapón. Outro aspecto importante deste cambio económico e político é que está acelerado polo carácter senil do capitalismo, a desfeita ecolóxica, a substitución da enerxía fósil e a revalorización de minerais como o litio, cobalto... 

Neste contexto tan complexo, cada paso que deu os Estados Unidos pra acelerar a ruptura dun mercado globalizado, pra debilitar ao xigante asiático (principal beneficiario), agravou a crise económica e a confrontación militar. O que deixou en evidencia as flaquezas da hexemonía exercida por Washington, como o reflicten as sancións, as intervencións no exterior e unha democracia cada vez máis valeira de contido e que utiliza dobres varas de medir en todos os aspectos. Estas eivas son as que neste intre está a vivir de cheo a povoación da Unión Europea, a través dun proceso no que se substitúe o dialogo pola confrontación, hipotecando definitivamente un modelo económico e social xusto e solidario, por outro que fortalece o militarismo, resta soberanía aos estados e deixa a governabilidade en mans de funcionarios/as non electos. Todo elo en principio beneficia ao complexo militar de Washington e ás grandes corporacións, aínda así a tendencia dominante segue a fortalecer un mundo multipolar... Aceleraría este proceso a paz na Ucraína, no Iemen,... rematar coas dobres varas de medir.

Te puede interesar