Opinión

Darlles poder ás forzas propias

As eleccións municipais do vindeiro 28 de maio na Galiza, aínda que non se esperan grandes cambios, a diferenza do que pode suceder nas autonómicas alí onde se realizan no resto do Estado. Mesmo así vanse evidenciar tendencias que marcan os escenarios futuros, especialmente se a abstención se mantén nos valores actuais. Por exemplo: seguirá o empate na porcentaxe das municipais obtida na Galiza no ano 2019 entre o PP e PSOE, que atinxiron respectivamente o 33,35% e o 32,82% do apoio dos que exerceron o voto? Todo fai pensar que non haberá sorpresas, fora do que suceda en Ourense ou Ferrol, onde as enquisas feitas polos distintos medios reflicten diferencias cativas entre a dereita e a esquerda sistémica. Aínda que en Ourense o PP o terá moi complexo acadar a alcaldía xa que necesitaría do apoio de DO, a menos que dimita como concelleiro Jácome ou que DO vote polo PP sen acordo de governo (opcións que non se poden descartar).

Ademais as enquisas salientan o retroceso e maior fragmentación do espazo político representado polas Mareas, Unidas Podemos,... ou sexa, da alternativa que se construíu na nosa nación arredor de Anova, Esquerda Unida, Podemos, grupos ecoloxistas... a partir da ruptura no ano 2012 no BNG. Xa nas eleccións de 2019 esta opción perdeu cidades como Compostela, A Coruña e Ferrol, aínda que teorizaban que eran a punta de lanza pra conquistar o Governo galego. Porén non foi así, e o tempo foi amosando a debilidade do proxecto, tanto polas contradicións internas, como pola carencia dunha organización de masas cun traballo articulado. Todo se centrou no relato e nas figuras de referencia (no Estado español), algo que non é abondo pra construír transformacións de fondo, e non axudou pra fortalecer a conciencia nacional galega. 

Estas eleccións municipais na Galiza todo indica que van implicar un crecemento do BNG, tanto en número de concelleiros/as como na porcentaxe do voto. Este avance darase especialmente nas cidades, nas que as enquisas coidan que pasará dos actuais 25 representantes, destacando os 11 de Pontevedra, a uns 33-35 concelleiros/as, segundo o medio. É dicir un aumento de máis dun 30% na representación e coa necesidade do PSOE de acadar o apoio do BNG pra manter moitas alcaldías (Lugo, Compostela, A Coruña, Ourense?). Ademais, todo fai pensar que esta tendencia a crecer do BNG darase tamén noutros concellos do país, onde xa o nacionalismo galego governa un número importante de alcaldías que son referencia nas respectivas comarcas (Carballo, Rianxo, Moaña, Tomiño, Ribadeo, Barreiros, Allariz, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, A Mezquita...). 

Pra alén de que o PP logre governar algunha cidade na Galiza, e o PSOE poda superar en votos ao PP e manter as actuais alcaldías, o maior cambio estaría en que o BNG se reforzase nas cidades e moitos concellos da nación galega. Se fose así consolidaríase como unha das opcións a ter sempre en conta pra governabilidade (con todo o que isto implica). Axúdalle neste aspecto o retroceso de Unidas Podemos e aliados, que recolleu en anteriores procesos parte do voto nacionalista. Tamén habería que estar atentos/as a se o BNG atrae un número considerábel de votos da abstención e novos/as votantes. Non esquezamos 1/3 das persoas con dereito a facelo non votan (e gañalos depende do énfase que no relato se faga sobre cuestións sistémicas: xustiza social, ecoloxía, igualdade, soberanía...). Nesta conxuntura, na que se está redefinindo o papel que terá cada país na cadea de valor, pola forte confrontación entre potencias, consecuencia da globalización e mobilidade extrema e esgotamento do sistema, convertese en central o subministro dentro do propio territorio e zonas fronteirizas de produtos e servizos esenciais, e sobre todo a autoorganización. 

Te puede interesar