Opinión

Unha data que é moito máis que lembranza

O dez de marzo, Día da Clase Obreira Galega, máis unha vez milleiros de manifestantes percorrerán as rúas das cidades e de moitas vilas galegas, convocados polas centrais sindicais, en lembranza dun ano destacado da historia galega. Unha data de reivindicación e mobilización, non só en marzo en Ferrol e setembro en Vigo senón na morea de conflitos que en todo o país expresaban a loita contra a ditadura e por unha sociedade máis xusta. Neste medio século que pasou houbo avances democráticos, laborais e sociais, e especialmente no ámbito da tecnoloxía, mais as reclamacións de fondo seguen pendentes. É resulta evidente que coa imposición da globalización neoliberal e a crise-axuste de 2008, o covid-19 despois, e agora a confrontación entre potencias, en guerras como a da Ucraína, e o auxe das intervencións e sancións, medrou a desigualdade entre países e entre clases sociais. Todo isto nun mundo con graves problemas ecolóxicos e no que moitos recursos esenciais que teñen data de caducidade. 

Estas eivas e atrancos vense acelerados polo medre constante da centralización da riqueza e do poder en determinados territorios e a concentración nunhas poucas corporacións e grandes fortunas. O Estado español, e polo tanto a nación galega, non están á marxe desta tendencia dominante regresiva, vexase a evolución demográfica na Galiza e o crecemento da precariedade e pobreza. Daquela que a CIG valore nesta mobilización, que: “as medidas postas en marcha polo Governo español e galego resultan insuficientes, e mesmo inexistentes, mentres o capital está tirando proveito da carestía da vida, obtendo millonarios beneficios a conta do saqueo ao povo traballador e as maiorías sociais. Velaí os históricos beneficios da banca e das empresas enerxéticas”. 

A central nacionalista tamén critica a nova proposta do Governo central de reforma das pensións, que abrangue un sector moi amplo da povoación e afecta directamente o futuro da clase traballadora, xa que: “aumentan a 30 anos o período de cálculo, o que suporía un novo recorte das contías de entre un 6% e un 8%, como o propio Banco de España recoñece”. Outros temas que estarán presentes este Dez de Marzo serán sen dúbida: a loita pola igualdade de ingresos entre homes e mulleres, os baixos salarios e a precariedade que se ceba na mocidade e na inmigración, as horas estras non pagadas nen cotizadas.... Así como o deterioro do sistema público de saúde por falta de recursos, un tema que sensibiliza a unha gran parte da sociedade galega, tal como se reflectiu na manifestación nacional do pasado 12 de febreiro en Compostela cunha asistencia masiva, que ateigou a praza do Obradoiro. 

Esta tendencia regresiva, no fundamental, foi contestada en todo momento pola clase traballadora galega, malia que estes retrocesos se queiran agochar coa guerra na Ucraína, que ademais se usa como escusa pra un novo axuste económico e social. Esta resposta permitiu que na Galiza o pasado se acadase un aumento nos convenios colectivos negociados no país dun 4,83%, o máis alto de todo o Estado español (cun crecemento medio do 2,78%). Resulta evidente que son uns resultados teñen unha relación directa cunha negociación colectiva unida a folgas e mobilizacións nas empresas e sectores onde se negociaban convenios, como foi o caso do metal de Ourense e o da Coruña, por poñer dous exemplos. 

En resumo, o Día da Clase Obreira Galega ademais dunha data que recoñece o mérito das loitas do ano 1972 a prol da democracia, de salarios xustos, e dun trato digno a Galiza, tamén puxo en evidencia que a unidade, o asemblearismo, a mobilización, uns obxectivos e folla de ruta axeitados, foron e son fundamentais pra avanzar na xustiza social, na igualdade, na soberanía, na democracia...

Te puede interesar