Opinión

Datos que reflicten un mundo multipolar

Segundo as previsións deste mes do Fondo Monetario Internacional, por certo unha organización claramente ligada ao bloque “occidental”, o crecemento do PIB en Rusia pra este ano (1,5%) será superior ao da Unión Europea (0,9%) e algo por debaixo do de Estados Unidos (1,8%). Non deixa de chamar a atención tendo en consideración a morea de sancións económicas e a intensa campaña mediatica contra Moscova. Todo reflicte que na práctica estas medidas viñeron a salvar a economía norteamericana, especialmente ao sector enerxético e ao complexo militar, e prexudicando máis á Unión Europea que á Federación Rusa. 

Segundo esta información dentro da euro zona é o Estado español o que máis medra, un 2,5% do PIB, e pra Alemaña anticipase unha caída do -0,3%, co que iso implica respecto da UE polo seu papel de “locomotora”. Aínda que o FMI considere que o vindeiro ano o PIB da euro-zona crecerá o 1,5% (eu non sería demasiado optimista, máxime tendo en consideración que a guerra na Ucraína non deixa de escalar, algo no que a OTAN ten unha gran responsabilidade, ou sexa Washington e subalternos de primeira liña, estes últimos teñen un papel subimperialista en relación cos países da periferia, mesmo a europea, co que implica de negativo no marco actual).

O FMI detalla que por rexións o aumento do PIB será máis destacado nos países en desenvolvemento (un 4%), especialmente na China (5.2%) e a India (6.1%). Hai quen collendo este crecemento do PIB como o dato máis salientábel, comparando as economías de China e India, obvia que o PIB que se toma como base da primeira é moi superior á segunda, e que Pekin nesta conxuntura está a confrontar con Estados Unidos todo tipo de medidas que atrancan as súas exportacións e pretenden limitar o desenvolvemento tecnolóxico. Mentres que India vese favorecida polo investimento de “occidente” e aliados por ofrecer un mercado laboral máis barato, e manter unha política exterior equidistante de ambos bloques, aínda que participando dos BRICS. Agora ben, o grao de desenvolvemento económico e social de China é, a esta altura, moi superior ao de India, daquela o reaxir tan agresivo de Estados Unidos contra Pekin. 

Nas previsións do FMI tamén cómpre destacar que o crecemento pra este ano do PIB da América Latina (1,9%) sería inferior ao da África Sub sahariana (3,5%), o que amosa a importancia que esta rexión do mundo foi adquirindo nesta última década, tanto pola súa riqueza en materias primas, como polos grandes investimentos que leva realizado China, e en moita menor medida Rusia. Ademais reflicte que a guerra na Ucraína lles afectou moito menos que outras rexións do mundo. Sen dúbida esta situación impulsou unha política máis independente das potencias occidentais, aínda que alenta desde o exterior a conflitividade interna (como exemplos Etiopía e Sudán)

Estes datos reflicten con toda claridade as dúas tendencias dominantes nesta conxuntura. Por unha banda un menor crecemento do PIB mundial, como consecuencia de que o capitalismo está na súa etapa senil, o mundo evidencia os límites ecolóxicos e demográficos, o medre da desigualdade... Ademais existe unha forte disputa na que o imperialismo hexemónico intenta manter seus privilexios, mediante a intervención e as sancións de todo tipo, que alentan a confrontación (en vez de procurar a paz). Por outro lado, malia todas estas eivas e atrancos, o medre do PIB de potencias como China e India, México e Brasil,... da África Subsahariana, amosan a consolidación e avance dun mundo multipolar. Estas son as tendencias dominantes. O preocupante é que a UE (e polo tanto o Estado español e Galiza) seguirá perdendo peso económico, e polo tanto benestar social. Pra alén do relato isto é o que predín os datos... a menos que se realicen cambios estratéxicos.

Te puede interesar