Opinión

Definirse na emigración, laica ou libre

A emigración galega na Arxentina, posterior á segunda Guerra Mundial, comezou en 1948 e foi masiva. Ducias de miles de galegos e galegas emigramos neste período, que rematou coa caída do governo de Peron no ano 1955. Pra alén dos erros da súa xestión, dun proxecto que pretendía dar sustento á burguesía nacional nunha alianza coa clase traballadora (nun papel subalterno), e das formas autoritarias, a súa caída debeuse no fundamental a que, unha vez superada a Segunda Guerra Mundial, as potencias imperialista querían recuperar seu dominio sobre os territorios periféricos.

Ademais, na Arxentina o resultado da confrontación mundial serviu pra substituír ao Reino Unido polos Estados Unidos, como centro hexemónico no político e económico. 

Os governos posteriores, en principio de militares, impuxeron importantes retrocesos nos dereitos democráticos e sociais (a intervención dos sindicatos e universidade entre outros), pra se adaptar ao modelo imposto por Washington.

Entre as regresións hai que destacar aqueles que se deron no ámbito da educación, alentando a protesta de profesores e estudantes. A confrontación deuse entre  laicas e libres no ano 1958, hai seis décadas. Ou sexa, como resposta a pretensión de impoñer nunha nación laica, moi influenciada polas ideas da Revolución Francesa na loita pola independencia, tamén o ensino privado na Universidade. 

Dende agosto non cesaron as manifestacións de estudantes contra o ensino “libre”, como resposta a un proxecto do Governo a debate no Congreso. Este estaba apoiado pola xerarquía eclesiástica, e respondía a proxectos universitarios de ordes relixiosas. Os estudantes mobilizáronse a prol dun ensino laico, estatal e gratuíto.

Daquela governaba Arturo Frondizi do Partido Radical Intransigente, do que ninguén esperaba está iniciativa, xa que se podía considerar unha forza filo socialdemócrata. A lei que se aprobou en outubro de 1958 pretendía ser salomónica, por unha banda permitía as universidades privadas, mais a habilitación pra o exercicio profesional sería outorgado polo Estado. 

A decisión do Congreso non convenceu ás forzas progresistas e o conflito seguiu aberto. Vinme metido na confrontación cando a principios de 1959 comecei as clases na escola industrial (seis anos de estudos teóricos e prácticos, despois de sete de primaria). Atopeime co piquete de estudantes na porta da escola. Entrei sen facer caso, e xa dentro preguntei que era iso de laicas e libres. Coa información que me deron, os que non facían folga, saín da escola e incorporeime aos que protestaban. Foi a miña primeira acción reivindicativa, a un chisco de cumprir trece anos. 

Sen dúbida, pesou en min o que opinaba a miña familia, especialmente meu pai, e os paisanos da Terra de Celanova que se axuntaban na casa. Considerábanse católicos, mais non deixaban de comentar a represión dos cregos, a obrigación de ir a misa, os sermóns que sinalaban a quen non lles seguía coa cabeza baixa, a convivencia co réxime franquista, a boa vida que levaban nun contexto de pobreza, a súa postura altiva cando tiñan que dar as xentes do lugar un aval de “boa conduta” pra poder emigrar ou pra traballar en empresas das cidades.

Daquela que consideraran que abondaba con ir á igrexa catro veces na vida: ao nacer, na comuñón, ao casar e ao morrer. Non coñecín ningún paisano na Arxentina que fora decote a misa. Ou sexa, os atrancos e vivencias aldeáns da Galiza non estaban ausentes do comportamento e opinións como emigrantes, e do xeito de como responder diante dos problemas no país de acollida. Ademais, había que engadir todos os retos que ten adaptarse e ser aceptado nunha sociedade distinta. Pra superar estes atrancos a resposta colectiva era: traballo, teimosía, e que os fillos/as tivesen a máxima educación... Laica ou libre?

Te puede interesar