Opinión

Demografía, desfeita planificada

OINE estima que Galiza perderá 178.000 persoas, un 6,67% menos, nos vindeiros 15 anos. Pola contra Madrid aumentaría en 614.049 habitantes, é dicir un 9,1%, tamén o farían Baleares 14,9% e Cataluña 5,4%. A povoación do País Vasco caería un 1,7%, non así Navarra que medraría un 4,5%. En poucas palabras, que no noso país agudizaríase a tendencia regresiva da natalidade, que sumada á emigración, constitúen o exemplo máis evidente do fracaso das políticas da Xunta. Poucas autonomías teñen unha evolución tan negativa, e trátase nestes casos de territorios carentes de costa ou das potencialidades agrícolas, forestais e enerxéticas do noso país. 

A estes malos dados axuda a globalización neoliberal, que deu un salto adiante coa crise-axuste do ano 2008, e uns estatutos de autonomía que naceron capados pra desenvolver estratexias que permitiran aproveitar as potencialidades de cada territorio. Ao que se debe sumar a recentralización de parte das competencias cedidas (LOAPA, Lei da unidade de mercado, etc.) ou pra transferilas á Unión Europea. Este modelo deu folgos á centralización e concentración da riqueza e do poder, convertendo en papel mollado o Estado das Autonomías que ficou limitado á execución de decisións exteriores, sen capacidade pra practicar estratexias que tivesen en consideración a propia realidade económica e social.

Estas limitacións resultaron moi graves no caso da nación galega, porque tanto no ámbito xeográfico, como polo seu proceso histórico, grao de desenvolvemento e tipo de economía, foi perdendo peso empresarial, tanto en dimensión como polo medre da dependencia exterior, ocupando cada vez un rol máis subordinado na cadea de valor. Poñer o exemplo exitoso de Zara ou algunhas empresas conserveiras, non son máis que a excepción que confirman a norma. Hoxe, dende o sector financeiro, até a sede da maior parte das empresas máis dinámicas, teñen a súa cabeceira en Madrid ou noutro territorio. O que amosa o grao de dependencia e, algo que non se pode obviar ou ignorar, esta evolución vai unida á caída do emprego, aumento da precariedade e baixos salarios, e como consecuencia á caída demográfica. 

Polo tanto, as nosas moitas riquezas potenciais, e o tan destacado esforzo no traballo, valen de ben pouco cando o contrastamos coa falta de soberanía e con non contarmos ao fronte da Xunta cun partido de exclusiva obediencia ao povo galego. O primeiro aspecto é decisivo, porque implica capacidade ou non neste mundo globalizado pra defender os intereses máis básicos do país. Mais, mesmo coas limitacións do marco autonómico, a experiencia de Euskadi e Cataluña reflicte o importante que é contar cun bloque de forzas hexemónicas no ámbito da nacionalidade pra frear desfeitas e obter concesións. Pódense facer as especulacións que se queira respecto do País Vasco e Cataluña porén xa quixeramos ter nós o seu dinamismo empresarial e oportunidades laborais destas nacionalidades. Por algo existe unha forte corrente emigratoria cara elas. En síntese, a demografía é unha radiografía da dependencia, da precariedade, dos baixos salarios e o desemprego, ou sexa, do mal governo da Xunta e das políticas que alentan a concentración e centralización por parte dos sucesivos governos de España, sexan de dereita ou de esquerda.

Resulta evidente que o INE realiza unha foto en perspectiva, feita a partir do escenario dos últimos anos. Mais, coido que a pandemia é unha crise máis profunda que a sanitaria e económica, que cuestiona o sistema e o modo de vida. E, aínda que hai territorios, empresas e persoas que quixeran que ren mudase e que todo volvese a ser igual que antes, a desfeita e as contradicións son tan fortes que todas as alternativas están abertas. Tamén a da evolución demográfica da nación galega.

Te puede interesar