Opinión

Demografía, sanidade, e conflito en Verín

Nas últimas semanas o presidente da Xunta amosou moita preocupación pola evolución negativa da demografía galega. Este tema formou parte da axenda da reunión entre Galiza e Asturias no marco dos “Encuentros del Eo”. A caída da povoación tamén serviu como argumento pra anunciar un plan especial pra recuperar a fillos e netos de emigrantes. Non estará feito coa intención de  incidir na situación política dun país sudamericano?... Non debería existir un proxecto especifico e prioritario para aquelas persoas que naceron na Galiza, tendo en consideración a integración e os vínculos sociais e familiares?

Pra alén destes planos, sobre todo urxe integrar na sociedade galega a todas as persoas inmigrantes. Neste sentido non se pode ignorar que os dados reflicten que máis dun 50% das familias chegadas de América Latina están por baixo da liña de pobreza, e a participación da inmigración na actividade social e política é anecdótica, non sendo nas votacións. Non se trata polo tanto só de abrir as portas, nen sequera de dar axudas conxunturais, senón de integrar ofrecendo futuro. Agora ben, non se pode esquecer ou obviar a masiva emigración da mocidade galega. Que se dá esencialmente pola falla de emprego e os baixos salarios. Este é o gran atranco a vencer pra evitar a emigración, e garantir o retorno. Ou, o obxectivo real é atraer man de obra barata?

Tendo en conta este contexto, dar prioridade a demografía é lóxico. Porén, resulta evidente que isto resta todo valor ao argumento que logo se utiliza, respecto do reducido número de nacementos, cando se toma a decisión por parte da Xunta de Galiza de pechar o servizo de paridoiro do hospital de Verín. Xa que esta medida vai contra unha recuperación no futuro da povoación ao reducir servizos que son esenciais. E, o máis grave, esta decisión que se xustifica en criterios técnico-económicos deixa en evidencia que, pra alén do discurso, non se van tomar medidas efectivas pra reverter a tendencia demográfica regresiva. A problemática tamén reflicte as contradicións do PP,  xa que en Ourense o partido aposta por manter o servizo, como llo pide súa base.

O anuncio do peche da sala de partos deu lugar a un forte reaxer popular. Houbo múltiples mobilizacións en Verín, coa participación de toda a comarca afectada, destacando a masiva manifestación do pasado 30 de novembro, coa presenza de moitos milleiros de persoas. A esta acción de protesta hai que sumar o peche de persoal e veciños no hospital, as concentracións en toda Galiza o pasado 4 de decembro, e o debate ese mesmo día no Parlamento galego encol deste paso atrás nunha prestación básica. 

Escoitará Feijóo a voz do povo e dos cargos do seu propio partido na comarca e na provincia? Pode que o faga, mais o que non está tan claro e que non volva intentalo no futuro, porque todo indica que este peche é unha peza máis dun modelo que, coa escusa do avellentamento, caída da povoación e rebaixar custes, vai dando pasos nunha redución de servizos. Existe un fío condutor entre este peche e o conflito na sanidade primaria por falta de recursos humanos e técnicos. A venda de Povisa en Vigo a un grupo privado, famoso pola súa polémica xestión de hospitais e centros de saúde en Valencia, é unha casualidade ou forma parte desta redución-privatización? 

Véxase que esta regresión na sanidade, e as dificultades en pensións e dependencia, coinciden cun recuar nos salarios e un medre da precariedade laboral, e da emigración da mocidade, do aforro e investimentos. A  outra cara da moeda está representada por un aumento dos lucros empresariais e un retroceso constante da presión fiscal sobre as grandes empresas e fortunas. E por suposto todo adornado con máis luces e espectáculo que nunca... Ulo a racionalidade, a igualdade e a ecoloxía?  

Te puede interesar