Opinión

Os derradeiros anos da Irmandade Galega

O 13 de decembro de 1941 nacía en Bos Aires a Irmandade Galega, como entidade cultural e patriótica, á que o Centro Ourensá cedíalle un local pra súa secretaria. Pouco despois en maio de 1942 xurdían as Mocidades Galegas que daban a coñecer seu ideario nun manifesto. Axiña agromaron outras irmandades en Mendoza, Montevideo, etc. A Irmandade Galega tivo como grupo matriz ao Partido Galeguista de Bos Aires, e persoas que proviñan da arredista Sociedade Nazonalista Pondal (que xurdira no ano 1926 e mantivérase activa ate 1936), así como outras con propostas moi diversas no plano económico e social: marxistas, anarquistas... Ou sexa, era unha fronte política.

Na primeira dirección estaban como presidente o ex-deputado Antón Alonso Rios, vicepresidente Ramón Rey Baltar, e secretario Xosé Abraira, e no resto dos cargos: Daniel Nogueira, A. Fernández Prol, Eduardo López, Vicente Barros, Pedro Campos Couceiro e Xohán González. Pola súa Banda as Mocidades Galegas tiñan na súa dirección a Manuel Pedreira, Bernardo Souto, X. González Blanco e V. Buxan Rivas. Con esta entidade, e xa con outros dirixentes, mantivo unha reunión en 1956, durante o Congreso da Emigración realizado en Bos Aires, Xosé Velo (de Celanova), que capitanearía o asalto ao barco Santa Maria pra denunciar as ditaduras de Franco e Salazar, 

No ano 1967 cando me acheguei á Irmandade Galega, da que fun secretario desde 1969 ate que regresei a Galiza en novembro de 1972, moitos egrexios patriotas dos primeiros intres aínda estaban en activo na colectividade emigrante, como Puente e Abraira, Avelino Díaz, Daniel Nogueira, ou o ourensá Lois Guede, que participaría da dirección do Consello de Galiza. Esta era unha etapa moi distinta á do nacemento da Irmandade, xa que a finais dos sesenta e primeiros dos setenta, existía un contexto no Terceiro Mundo ateigado de movementos a prol da liberación nacional e de cambios revolucionarios, tamén de ditaduras militares. Daquela na Irmandade moitos dirixentes proviñan da Pondal, como o cadro marxista Moisés Da Presa, o escritor Ricardo Flores, o poeta Bernaldo Souto. Outros/as, traian outra tradición militante como o apaixonado socialista Bieito Cupeiro ou os activistas do sindicalismo anarquista arxentino Xosé Lema Novo e Ricardo Montero. 

Durante este período da IG editáronse dous pequenos libros, un de Risco (Teoría do Nacionalismo Galego) e outro recollendo escritos de Xohán Vicente Viqueira (un dos referentes de esquerda do Partido Galeguista). Ademais déuselle un novo pulo ao voceiro A Nosa Terra, que había algúns anos que non se publicaba, e fíxose un esforzo especial pra evitar que Ramón Mourente continuase na presidencia do Centro Galego (xa que quería estreitar relacións coa Embaixada española, ou sexa, co réxime franquista). Algo que se evitou con milleiros de persoas votando nas eleccións desta institución, contrastando coa situación política na Arxentina baixo unha ditadura militar. 

Entre as actividades tamén hai que salientar que todos os anos a IG reunía a centos de persoas nunha “cea patriótica”, como parte das Xornadas Patrióticas, na noite previa ao “Día Nacional de Galiza”. Un dato, nun dos primeiros números de ANT como voceiro da IG propúñase que o Día Nacional fose o do referendo do Estatuto. Un debate que xurdía de cando en vez dado a coincidencia coa festividade relixiosa, outro tanto sucedía co himno galego e as preferencias con “En Pé!” de Cabanillas. A Irmandade Galega, na práctica foi unha fronte política a prol dunha Galiza soberana e xusta. Unha organización por iniciativa de Castelao, no exilio, que mantivo acesa a chama do nacionalismo galego durante este período escuro da historia da nosa nación.

Te puede interesar