Opinión

Día da Patria Galega

Neste 25 de Xullo, como noutros anteriores, sentirémonos todos e todas máis patriotas e galeguistas que ninguén. Seremos por un día habitantes dignos, orgullosos deste antigo e rico País. ¡E iso está ben! O que xa non resulta tan positivo é o pouco que dura nalgúns este sentimento, especialmente naqueles que teñen medios pra transformar positivamente a realidade, tanto na economía, como na política e sociedade. Pasa con esta data como con outras: uns practícana todo o ano, outros/as só cando os focos están sobre o tema. Polo tanto, pra alén de ser nacionalista ou autonomista, é lóxico que calquera que nacese ou viva na Galiza tería que querer esta Terra e loitar por ela. Un país non é só lacón con grelos e un traballo, senón é fundamentalmente un colectivo humano. Un colectivo que ten unha historia común que se perde nos tempos, unha cultura e unha lingua propias e, o que é moi importante, un futuro que depende da nosa unidade, iniciativa, e teimosía.

Pasa con esta data como con outras: uns practícana todo o ano, outros/as só cando os focos están sobre o tema

Pódese entender que, por diversos motivos, tanto históricos como económicos, mesmo de séculos de dependencia, unha parte da povoación galega aposte pola autonomía neste contexto, malia que cada vez sexa máis limitada e os retos máis grandes, porén o que resulta difícil de comprender é que se renuncie a defender (dentro do Estado, de Europa e no mundo) un papel destacado pra Galiza, e que esta vella nación aproveite todas as súas potencialidades. Ou sexa, contar coas maiores competencias posíbeis -soberanía- e potenciar todo aquilo que nos é propio. As consecuencias dunha actitude derrotista, son evidentes cando son maiores as exportacións de capital que o investimento exterior no país, o que vai asociado: á baixa natalidade, creación de emprego, e medre do PIB; e á forte emigración da mocidade (mesmo a moi cualificada). Esta renuncia á defensa dos intereses nacionais, que fan moitos dirixentes de partidos estatais na Galiza, reflitense nas votacións no Parlamento en Madrid, e aínda é máis negativa porque sementan (co argumento de que esa actitude responde á correlación de forzas actual) nuns casos a subordinación e/ou a abstención.

As consecuencias dunha actitude derrotista, son evidentes cando son maiores as exportacións de capital que o investimento exterior no país, o que vai asociado: á baixa natalidade, creación de emprego, e medre do PIB; e á forte emigración da mocidade (mesmo a moi cualificada)

Cando a sociedade non está fortemente vertebrada arredor do súa identidade colectiva, nun contexto de globalización da economía e da información, non é sinxelo forxar un proxecto de futuro pra unha nación como a nosa. Máxime tendo en conta que non só está sometida a forzas exteriores poderosas en expansión, senón ademais a forzas internas que consideran individualmente, mesmo como clase, beneficioso este tipo de relacións subordinación. Moi distinta ao lóxico intercambio comercial e das relacións fluídas con outros povos, institucións ou empresas. Por iso, a cultura e lingua dun país, e a postura que un tome a respecto dela, non está ao marxe do futuro económico e social do mesmo, e das condicións das persoas que nel viven. Daquela a importancia da defensa da economía nacional, do mercado interno, da capacidade creativa, de ter unha marca propia no mundo, de deixar en evidencia que pra alén do número de habitantes e do PIB hai un proxecto colectivo con empuxe.

Por iso, a cultura e lingua dun país, e a postura que un tome a respecto dela, non está ao marxe do futuro económico e social do mesmo, e das condicións das persoas que nel viven

Este 25 de xullo, Día da Patria Galega, tanto dos nacionalistas como dos autonomistas, debería axudar a que reflexionaramos todos e todas sobre o futuro do noso País nunha conxuntura histórica, na que o mundo multipolar, con todo o que implica, está cada vez máis consolidado. Unha Galiza que non pode ser unha no rural e outra no medio urbano, unha na costa e outra no interior. Iso non é riqueza, como moitos din, senón debilidade. Riqueza pode ser saber varias linguas, nunca negar a propia. Riqueza poder ser compartir con outros povos servizos, economía e proxectos. Nunca carecer de alternativas e aceptar medidas que subordinan a actividade produtiva e esmagan a nosa identidade.

Te puede interesar