Opinión

Dien Bien Phu e os ventos da descolonización


Hai seis décadas, o 7 de maio de 1954, o Viet Minh conquistaba Dien Bien Phu, abrindo paso á independencia. Deste xeito caían un conxunto de fortificacións militares na fronteira entre Viet Nam e Laos, creadas pouco antes e defendidas polo mellor do exército francés, e que pretendían ser unha trampa pras forzas vietnamitas. A posición foi asediada por estes últimos, dende o 13 de marzo dese mesmo ano, cun resultado final non esperado por París e as demais potencias coloniais. En Dien Bien Phu o exército francés perdeu 16.000 homes, entre mortos, feridos e prisioneiros. Había entre eles tanto militares da metrópole, como alxerianos, árabes, tais e de moitas outras partes do imperio francés.

A vitoria do Viet Minh sobre unha das principais nacións imperialistas da época tivo unha enorme repercusión internacional. Sería un elemento máis, como o fortalecemento do polo socialista e o movemento obreiro en occidente, que alentou o proceso de independencia das colonias en África e Asia durante a década seguinte; un feito que se pode considerar único na historia. Sen dúbida este duro revés pra Francia foi unha premonición do que anos despois aconteceu en Alxeria. Mesmo moitos dos rebeldes do norte de África formaron parte das tropas coloniais en Viet Nam. Na vitoria de Dien Bien Phu incidiu dun xeito relevante o apoio soviético e de China en armas e adestramento; lembremos que o Partido Comunista de China derrotou o Kuomintang, e tomou o control do conxunto do país, agás a illa de Taiwan, en xaneiro de 1949.

O xeneral Vo Nguyen Giap, o estratego vietnamita que comandaba o Exército Popular e definiu a estratexia da vitoria, facía o seguinte balance encol da campaña e dos retos pendentes: “pra elevar o nivel político, táctico e técnico, pra construír o exército, é indispensábel facer unha evaluación das experiencias da campaña de Dien Bien Phu. O rumbo da construción do noso exército é avanzar gradualmente cara o moderno, cómpre ter presente que as experiencias de Dien Bien Phu foron experiencias do período guerrilleiro deica o moderno, que temos que desenvolver ao máximo” (La Revolución Vietnamita, Partido del Trabajo, México). O texto reflicte con claridade que aínda o Exército Popular era unha forza con enormes limitacións, mais tamén que o Partido Comunista de Viet Nam era plenamente consciente das eivas.

A conquista e colonización de Viet Nam encetou a mediados do século XIX, aínda que a presenza do proselitismo relixioso cristián era anterior, integrando a finais de século a Cambodia e Laos no que sería a Indochina francesa. A presenza colonial rematou pouco despois de Dien Bien Phu, o 20 de xullo dese ano. Mais o país sería divido en dous, pendente dun referendo na parte sur do paralelo 17, que non se realizou. Estados Unidos substituíu a Francia como potencia no sur do territorio. Comezaba un novo período da historia vietnamita, que remataría na década dos setenta coa derrota militar dos Estados Unidos.

Hoxe Viet Nam é unha nación unificada, aínda que integra importantes minorías no seu territorio, e cunha economía en rápido crecemento, mais que parte de niveis de desenvolvemento moi baixos e con medre das desigualdades. No ano 1984 comezou a inserir a economía de mercado, seguindo o camiño chino. Un feito a salientar é a demografía, xa que pasou de 30 millóns de persoas en 1954 a máis de 90 millóns na actualidade, cos retos que isto implica no ámbito económico, social e ecolóxico, nun territorio de só 331 mil quilómetros cadrados. Semella que Viet Nam, como moitas outras nacións, tamén aquelas nas que o socialismo formou parte da construción da conciencia popular e conquista da liberación, aínda está a procurar o seu propio camiño, aínda que o xiro neoliberal das últimas décadas marque unha tendencia.

Te puede interesar