Opinión

Disputa institucional e cuestións sistémicas

Non é doado saber cal vai ser a saída deste momento político. Tanto é posíbel que se realicen novas eleccións, como que se poda formar un Governo arroupado pola oposición. A opción de Rajoy está desbotada por carecer de apoio. Claro que non é sinxelo unir nun governo alternativo a Podemos e Ciudadanos, por máis que Compromís coide que hai cousas en común, seica a oposición á corrupción e medidas contra a marxinación máis rechamante. Sobre estes aspectos, realízanse seguramente as hipóteses do PSOE. Porén, non é o mesmo un acordo autonómico que estatal, xa que cantas máis competencias e maior sexa a súa incidencia máis complexo é o acordo. Por exemplo, en materia laboral, como tratar a cuestión nacional da periferia secularmente esmagada, os tratados de libre comercio... Iso si, ningún deles cuestiona o sistema, nen a UE.

Sería moi inocente pensar que Pedro Sánchez non saiba das limitacións que existen pra converxer a un tempo con Podemos e Ciudadanos, e que o proceso pode rematar en fracaso, tendo en conta experiencias tan recentes. Sabe que por máis que intentase responsabilizar a Podemos e Ciudadanos do fracaso, non tería argumentos válidos pra rexeitar as acusacións de que fixo teatro, de que o resultado estaba cantado. A menos que teña unha carta na manga. Por exemplo: terminar propondo pra presidencia unha “figura recoñecida” e un governo pactado, coa escusa de evitar o desgaste de novas eleccións, que saben non van mudar o panorama político. Se fose así, refugaría as acusacións de oportunismo, descolocaría a Podemos, Ciudadanos e ao PP, tomaría a iniciativa, e tería un papel decisivo na nova lexislatura. Claro que esta xogada ten os seus inconvenientes, comezando por dar moito poder a unha figura que pode terminar sendo determinante, se é quen de levar adiante políticas sociais, acordar co nacionalismo, e colocarse a medio camiño entre as forzas que o apoian. Pra o sistema, pode terminar sendo máis eficaz que os partidos tradicionais e as novas marcas que hoxe din unha cousa e mañá outra.

Mais, sexa cal for o escenario político dos vindeiros meses, e a composición do futuro Governo, todo reflicte que os cambios non van ser transcendentais. Non hai correlación de forzas. O debate parlamentar en Madrid e Compostela non vai mudar radicalmente as políticas económicas e sociais; tampouco as que se aplican no ámbito da cultura e das relacións internacionais. Asemade, aínda que hai partidos, como Podemos, que se opoñen á OTAN e aos tratados de libre comercio, non fan propostas que rachen coa economía de escala, que favorece ás corporacións e grandes fortunas. Contemplan unha banca pública, só como complemento, e non propoñen a nacionalización tanto do crédito como da enerxía e as telecomunicacións. Como se vai entón eliminar a especulación e fortalecer a economía produtiva?

Aínda que se busquen atallos pra superar un contexto regresivo, tanto por parte da clase traballadora, como dos autónomos e pequenos empresarios, será imposíbel facelo sen un modo distinto de acumulación. A globalización neoliberal é funcional á concentración e centralización do poder e da riqueza, tanto entre clases sociais como entre territorios. Por esta razón pechan explotacións leiteiras, pequenos comercios, precarízanse as relacións laborais e redúcense os salarios. Sempre hai fendas pra que unha empresa saia adiante, un/unha profesional triunfe, e algún asalariado/a mellore as súas condicións laborais. E deste avance especifico e mínimo haberá medios e partidos que constrúan espellismos. Mais, na práctica, no medio e longo prazo, na Galiza, a dependencia, o sistema, empurran ao suicidio demográfico, ao medre da desigualdade, á destrución da identidade. E iso só se evita con clarificación, organización, mobilización e proxecto alternativo.

Te puede interesar