Opinión

Esixencias e negociacións decisivas

Coa rolda de prensa do pasado mércores, por parte do presidente de Governo, iniciouse o proceso     público que continuará co envío do Estado español (EE) a Bruxelas o “plan de recuperación”. Unha  serie de propostas polas que espera recibir 140 mil millóns de euros da UE, deles 72 mil millóns están concentrados nos vindeiros tres anos (27 mil millóns en 2021). Do total un 37% dos recursos serán pras políticas verdes e un 33% pra transición dixital, poñendo o acento no tema sanitario, ensino, dependencia, mobilidade, modernización da administración, etc. En total serian 500 mil millóns en investimento sumando o sector privado. Con estas medidas e recursos o Governo comprometese a crear 800 mil empregos no período 2021-2023. Mesmo así a taxa de desemprego estaría rente do 17%. 

Esperemos que a hipótese de Pedro Sánchez en materia de emprego non remate sendo un espellismo, como a de Felipe González durante a reconversión industrial da década dos oitenta do século pasado. En todo caso dependerá non só da existencia de vacina contra o covid-19, senón tamén de que a reconstrución potencie unha economía autocentrada, sostíbel, e un reparto xusto do traballo e da riqueza entre clases sociais e entre as nacionalidades do Estado español. Na Galiza perdéronse até setembro, en termos anuais, máis de 17 mil afiliados/as á Seguridade Social. 

Resulta evidente que non se poden adiar máis os cambios no ámbito económico, social e de participación democrática. Son necesarios e urxentes. Porque a pandemia está ligada a unha crise da globalización neoliberal, polo que non se salva exclusivamente con medidas de defensa do ecosistema e con avances no eido dixital. Daquela que a crise sanitaria fortalecese a confrontación entre potencias polo reparto do mercado mundial, ou sexa, da participación nos recursos e no poder. Asemade, esta disputa, aínda que sexa con modos menos constante e agresivo, tamén existe entre os estados que integran a UE, así como entre as autonomías e nacionalidades do EE. Daquela o pulo do soberanismo e que xurdan partidos localistas. 

Tampouco se pode ignorar ou esquecer que os recursos que aportará a UE están condicionados a determinadas liñas, marcadas no esencial polos estados máis fortes, como Alemaña. Ademais, non todo son sumas, xa que está confirmada a redución por parte de Bruxelas de fondos hoxe existentes, como lembraba a deputada do BNG Noa Presas no último pleno do Parlamento Galego. Concretamente, puña como exemplo que esta rebaixa afecta aos ingresos da Política Agrícola Común e aos Fondos pra unha Transición Xusta. Ou sexa, trátase de axustes negativos pra o sector agrario galego, e pra posta en marcha de proxectos alternativos ao peche das centrais eléctricas de Meirama e Endesa con base no carbón.

Asemade, esta forza política defendeu respecto do Plano de recuperación unha Proposición Non de Lei, consensuada, pra que a Xunta esixa e negocie co Governo español a participación de Galiza nos 140.000 millóns de euros procedentes da Unión Europea. Co obxectivo evidente de acadar unha achega xusta, un tema que non é secundario, tendo en consideración o mal que se resolveu pra o noso país a crise do 2008, tal como reflicte a caída demográfica, medre da desigualdade e precariedade. Axudará nesta tarefa a Comisión de Reactivación creada no Parlamento?... 

Todo fai pensar que ficamos nunha conxuntura histórica que vai pra alén da pandemia, tal como se reflicte no medre da conflitividade no mundo, e na dramatización da mensaxe política. Polo que, cando se realicen e cales sexan os sectores nos que se invistan os recursos e a súa contía son un aspecto central. Noso país debe esixir que se lle teña en conta como corresponde no “plan de recuperación” e nos orzamentos. Xogámonos moito.

Te puede interesar