Opinión

O Estatuto e a proclamación do Estado Galego

O vindeiro 28 de xuño cúmprense 85 anos da aprobación do Estatuto de Galiza por unha inmensa maioría do povo galego. Un texto que non sería referendado no Parlamento por mor do golpe de estado, a guerra civil, e instauración da ditadura franquista. As reivindicacións pra acadar unha ampla autonomía viñan de lonxe, mais foi sen dúbida a supresión dos reinos en 1833, e a ruptura da unidade administrativa de Galiza, a que lle deu novo pulo, especialmente despois da Revolución de 1846 que definía á nosa nación como unha colonia da Corte e tiña como un obxectivo que nos temeran e respectasen. O Proxecto de Constitución pra o Estado Galaico, redactado en 1887 polo Partido Federal de Galiza, dá forma á reclamación de autogoverno, ao que hai que sumar un novo ante proxecto elaborado en 1918 polas Irmandades da Fala.

Tampouco se debería esquecer que é o 90 aniversario de feitos que deron pulo á reivindicación soberanista. Vexamos. Axiña proclamada a República, o 4 de xuño de 1931, celebrouse na Coruña unha reunión, presidida por Antón Alonso Ríos, que acababa de chegar de Bos Aires, na que se acordou un proxecto de Estatuto que entre outros obxectivos exixía: o recoñecemento da igualdade de dereitos políticos entre o home e a muller, e afirmábase a Galiza como un Estado autónomo dentro da República española. Un bo comezo que atoparía no camiño unha morea de atrancos, pola oposición do centralismo e a inconsistencia de ORGA.

Un día antes da asemblea da Coruña detíñanse as obras do camiño de ferro entre Zamora-Ourense-A Coruña. Esta decisión tería unha ampla repercusión. A paralización atinxía a 12.000 “carrileiros”, un número inmenso, polo que se abriu un conflito social e político, orixinando a creación de comisións populares, como a do Carballiño. Na cidade de Ourense o povo organizouse en asemblea permanente. Sucedéronse as reunións co governo en Madrid e as mobilizacións, como a que se fixo en Compostela o 17 de xuño, na que participaron 800 labregos da comarca do Ulla tamén afectados pola suspensión.

A presión política fíxose máis forte coa proximidade das eleccións xerais do 28 de xuño. Os obreiros do ferrocarril reunidos en Compostela deciden levar ao pleno celebrar unha xuntanza de todo o país en Ourense o día 26, e a inmediata declaración do Estado Galego. Ás dúas da mañá do 25 de xuño, unha morea de xente concentrada fronte ao Goberno Civil de Ourense dirixiuse ao concello e ergueu a bandeira galega e declarouse constituída a República Galega. O 26 de xuño de 1931, reuníronse na cidade 26 delegacións de toda a Galiza na asemblea sobre a suspensión das obras e acordouse convocar folga xeral pra o día seguinte. Na xuntanza interviu Antón Alonso Ríos, como presidente da Comisión Permanente a Prol do Estatuto. Na noite dese día un grupo de manifestantes asaltou o edificio do Goberno Civil, rachando a bandeira tricolor e erguendo a bandeira galega ao berro de: Viva Galiza ceibe!!!

Ao día seguinte, o 27 de xuño, en Compostela dábase un paso máis, ao proclamar o Estado Galego e aclamar a Antón Alonso Ríos como Presidente do Governo provisional. Isto acontecía logo dun gran mitin na Alameda, despois do cal os asistentes trasladáronse á casa do Concello, onde se ergueu a bandeira galega. Estes feitos históricos, malia o carácter simbólico das proclamacións da República Galega, non se pode ignorar xa que reflicten o estado de ánimo da povoación, as súas arelas e reivindicacións. Nelas o movemento obreiro tivo un papel de vangarda, e destacaron tamén os galeguistas que viñeron da emigración, tal é o caso de Alonso Ríos e Campos Couceiro, ligados á Federación de Sociedades Galegas e á Sociedade Nacionalista Pondal, ao relacionar a problemática social coa cuestión nacional galega.

Te puede interesar