Opinión

Que facermos: recuperar ou transformar

Agora cando deixamos atrás un ano singular, ateigado de traxedias, e tamén espírito solidario, é un momento apropiado pra facermos unha análise do acontecido, das ensinanzas que deixa, e das transformacións que a humanidade debe realizar pra evitar a repetición destes ou novos atrancos. Algúns economistas, dos que máis predicamento teñen no sistema, veñen afirmando dende o inicio da pandemia, que esta non é unha crise económica, e cunha vez que o covid-19 sexa controlado todo volverá ao estado anterior. Daquela coa axuda das vacinas a pandemia estaría controlada no vrau de 2021, segundo as hipóteses que manexan moitos especialistas no tema, e a economía debería estar recuperada no ano 2022. Agora ben: é tan doado? 

Coido que non é tan sinxelo, e sobre todo que non hai volta posíbel ao modo de vida do pasado. Daquela, máis que nunha recuperación hai que pensar nunha reconstrución que transforme aspectos esenciais do sistema económico e dos comportamentos sociais. Debe ser así, porque non se poden obviar as eivas e aspectos negativos que ten o sistema económico e social actual, o que chamamos a globalización neoliberal capitalista. A menos que se opte por maiores desfeitas e retrocesos democráticos.

Resulta evidente que este modelo acelerou a crise ecolóxica, rachou o equilibrio da natureza co ser humano: destrución de bosques, medre das zonas áridas, a contaminación do ar, da terra, dos mares, etc. Ao que cómpre sumar a cuestión demográfica, o amoreamento urbano, a mobilidade estrema de persoas e todo tipo de vehículos, os desequilibrios territoriais,... Ao que se engaden as guerras atroces, tamén as dixitais igual de agresivas e letais, as invasións, bloqueos e sancións dos países que non aceptan imposicións, a especulación financeira, o capitalismo delituoso, a precariedade, e a crecente desigualdade entre clases sociais e entre países. E todo malia os grandes avances científico técnicos, evidenciando que están supeditados ás estruturas de poder, de clase e imperialistas. 

Polo tanto, o avance científico técnico e a riqueza concentrada en corporacións, clases, persoas e países, cada ano que pasa representa unha menor garantía de que o desenvolvemento sexa a prol da maioría. Con esta forte e rápida tendencia regresiva está en perigo o futuro da humanidade. É urxente unha protección do medio ambiente, regular a produción, o consumo e a demografía, e isto só é posíbel cun reparto xusto da riqueza e do poder, entre clases sociais e entre nacións. Uns cambios que, pra que se produzan, necesitan da participación e protagonismo das maiorías sociais, e esencialmente da clase traballadora, e de todas as nacións sen ataduras, con plena soberanía. 

As sucesivas crises e as revoltas sociais, mesmo nas grandes potencias, amosan os límites da globalización neoliberal, e como o factor territorial non é algo secundario na relación entre o povo e as institucións. Cando máis afastado está o poder por razóns políticas, ou por outras tan primarias como a distancia, menor é o peso das clases subalternas nas decisións. A cuestión territorial non é un aspecto secundario na participación e nas loitas sociais, daquela que as elites do sistema fagan tanto esforzo por fragmentar as identidades, para suplantalas polo individualismo cosmopolita, así como co traslado da soberanía ás institucións supranacionais. Non o fan pra procurar a igualdade e colaboración, senón porque agora son mecanismos eficaces pra manter os poderes tradicionais. 

Os avances tecnolóxicos permiten traballar menos horas, facelo todos e todas e poder vivir dignamente, respectando o medio ambiente e sendo solidarios co resto do mundo. Cales son as forzas que se opoñen? Esa é a cuestión que debemos resolver colectivamente. 

Te puede interesar