Unha folga xeral que rematou en triunfo

Unha folga xeral que rematou en triunfo

Hai trinta anos, nomeadamente o 14 de decembro de 1988, realizábase en todo o Estado español unha folga xeral contra o Plan de Emprego Xuvenil (PEX), que pretendía impoñer o Governo de Felipe González. Fixérase outro paro, no ano 1985, mais fora de media xornada, e non tivo o éxito que acadou a folga de 1988. Mentres que na Galiza esta sería a quinta folga xeral, xa que no ano 1984 realizáronse tres paros nacionais: o 14 de febreiro, o 12 de xullo e o 29 de outubro. A primeira folga foi convocada en exclusiva pola central nacionalista ING, a súa efectividade condicionou que CCOO se sumase ás seguintes. A razón destas folgas de 1984 era a grave crise económica, que afectaba ao sector naval, así como a outras actividades industriais, construción e o sector agrario.

Estes antecedentes son necesarios pra entendemos porque o paro do 14 de decembro sería masivo na Galiza, e que ademais fose unha das nacionalidades e autonomías nas que tivo maior repercusión.  Había un pouso, unha experiencia acumulada, que se notou nas mobilizacións previas. Algúns medios salientaban que a presenza da garda civil no rural foi ostentosa, e que o Governo central intentou impoñer a idea de folga política. En Ourense os xornais falaban dun rotundo éxito da folga, nunha “xornada de frío e ausencia de enfrontamentos”. Engadían que o comercio pechou en toda a provincia, e que nun sector tan difícil como as louseiras de Valdeorras parou un 50% do persoal. Ademais indicaban que as dúas manifestacións realizadas na cidade axuntaran a unhas dous mil persoas. En paros posteriores na Galiza multiplicaríase a participación nas manifestacións da xornada; lembremos as que se fixeron a principios desta década, que aínda estarán presentes na nosa retina e memoria. 

Pódese caracterizar a xornada como un éxito, máxime tendo en conta que a convocatoria non  sería unitaria na Galiza. A división foi consecuencia de que CCOO e UGT pretendían que as centrais sindicais nacionalistas (INTG e CXTG) se subordinasen aos acordos e decisións tomadas en Madrid. Neste aspecto, malia que era un gran reto, o sindicalismo nacionalista conseguiu dar un salto cuantitativo nas manifestacións que convocou en todo o país, competindo coas de CCOO e UGT, e superándoas en participación nalgunhas cidades e vilas. E sobre todo destacando na divulgación do paro e na implicación dos piquetes informativos, dado que contaba cunha militancia moi activa. Daquela que despois de medir forzas, aclarada a capacidade de cada quen, aos poucos meses abriuse un período de colaboración na loita a prol da clase traballadora, entre o sindicalismo de ámbito estatal e o de ámbito galego en pé de igualdade, que durou varios anos. 

Agora ben, o aspecto máis salientábel deste paro foi o rápido que se conquistaron os obxectivos, xa que o Governo do PSOE axiña retirou o PEX, que precarizaba as condicións laborais da mocidade de entre 16 e 25 anos. Tratábase de realizar contratos de entre 6 e 18 meses, cun soldo igual ao salario mínimo interprofesional, ignorando os convenios, e a patronal estaría exenta de pagar as cotizacións á seguridade social. Sen dúbida incidiu pra que Felipe González recuase que a contestación social fose maior da esperada, así como a división nas filas da socialdemocracia polo rexeitamento do PEX por parte da UGT, especialmente cando fora quen de derrotar á oposición da esquerda respecto da entrada na OTAN, e ademais conseguirá o ingreso da Unión Europea sen grandes atrancos. Lembremos que o PSOE tiña maioría absoluta no Parlamento, polo que o éxito da folga resultou máis duro pra o Executivo. Felipe González tomou algunhas medidas sociais pra recuperar complicidade social. Mais, a súa xestión ficou unida a unha de cal e outra de area, onde primaba o marco neoliberal.