Opinión

“Gallego” Soto, a emigración rebelde

Cando se fala da Arxentina, así como de América Latina, en relación coa Galiza, normalmente destacase a masiva emigración, tanto durante a segunda metade do século XIX como boa parte do XX. Mais os galegos e galegas tiveron ademais un importante papel, non só como man de obra, senón tamén no ámbito político, sindical e mesmo cultural de moitos deses países. Este é o caso do “Gallego Soto”. Así se lle chama na Arxentina ao principal dirixente das folgas de 1920-1921 realizadas na Patagonia, na provincia de Santa Cruz, cuxa capital é Río Gallegos (...que casualidade). 

Antonio Soto naceu na cidade de Ferrol, o 8 de Outubro de 1897 e morreu en Punta Arenas, na Patagonia chilena, o 11 de Maio de 1963. Mais, acheguémonos á personalidade deste anarquista (outros din que comunista) que exerceu sempre de galego. Soto foise con 14 anos pra Bos Aires, e con 22 anos chegou á Patagonia (1920), facendo de tramollista nunha compañía de teatro. Alí incorporouse axiña á Sociedad Obrera de Rio Gallegos, da que o 24 de Maio de 1920 foi elixido Secretario Xeral. Varios paisanos máis forman parte da dirección. A cidade con 4.000 habitantes era un porto de saída de lá e tiña unha planta frigorífica. 

Naquel intre había unha situación tensa, límite. Despois da guerra mundial baixaran as exportacións e comezaron os atrasos nos pagos dos salarios, ao que se engadía a situación de precariedade na que vivían os peóns nas estancias de gado ovino. Dando azos ás folgas, primeiro na hostalaría, despois nos frigoríficos e no porto. Axiña esténdense a outras cidades da provincia (250.000 quilómetros cadrados e daquela tiña só 18.000 habitantes). 

A folga amplíase ás estancias (facendas), onde se producen a confrontación máis dura. Hai negociacións e chegase a un acordo que non se cumpre pola patronal. Nova folga. Chegan tropas do exército e comenza a represión cun saldo duns 1.500-2.000 mortos e miles de feridos. Entre as vítimas obreiras tamén moitos galegos, xa que son unha parte considerábel da man de obra. Un 20% dos habitantes eran orixinarios do Estado Español segundo o censo de 1920, mais esta proporción era moito máis grande entre a povoación activa, aínda que a maioría dos peóns das “estancias” eran chilenos da illa de Chiloé. Por último Soto atravesa a fronteira con Chile cun grupo de folguistas, en desacordo coas derradeiras actuacións dos que se entregaron deixándose e enganar polas tropas (decembro de 1921).

Naquela época a Patagonia estaba en mans de moi poucas familias terratenentes, especialmente británicas, que varias décadas antes remataran cos indíxenas cazándoos como se de coellos se tratase. Rio Gallegos ademais estaba moi lonxe de Bos Aires, a presencia do estado Arxentino era mínima, e o Governo temía cos “estancieros” se inclinaran por Chile, polo que cedeu ante a esixencia de represión. Esta non tivo contestación axiña por parte da opinión pública arxentina xa que se lle presentou aos folguistas como estranxeiros que pretendían instaurar unha comuna socialista.

Antonio Soto é definido polos que o coñeceron en momentos tan dramáticos como un home entregado, de palabra fácil, que as veces mesturaba termos en galego, e que pasaba unha gran parte do tempo percorrendo as estancias e organizando aos peóns. Anos despois Soto fundaría en Punta Arenas un Centro Galego, que participou no Primeiro Congreso da Emigración realizado en Bos Aires en 1956. Mantivo contactos con Eduardo Blanco Amor, e Suárez Pícallo e colaborou durante a Guerra Civil co movemento na emigración na defensa da República Española. O “Gallego Soto” foi inmortalizado no filme “La Patagonia Rebelde” e no libro de Osvaldo Bayer co mesmo titulo. Moitos paisanos/as emigrantes foron semente de cambio, de xustiza social, de democracia. 

Te puede interesar