Opinión

Giáp, de profesor de historia a xeneral vitorioso

Hai unha década morría aos 101 anos, o 4 de outubro, un dos maiores estrategos militares das loitas de liberación posteriores á Segunda Guerra Mundial, o xeneral vietnamita Võ Nguyên Giáp. Este profesor de historia cuxa traxectoria foi seguida por todos/as aqueles que palpitamos durante décadas polo que acontecía no Vietnam, na súa heroica loita contra a maior potencia do mundo, os Estados Unidos, e aliados. Foi un militante revolucionario exemplar que traballou moi próximo á persoa chave neste proceso de liberación: Ho Chi Minh. A ambos os dous debese engadir Lê Duân, nomeado no ano 1961 secretario do Partido Comunista de VietNam. 

Giáp non era un militarista, como se aprecia cando afirma: “a resistencia do noso povo levábase a cabo en todos os eidos. Non só no aspecto militar, senón tamén no político, económico e cultural” (Lucha armada, fuerza armada; Vo Nguyen Giap, Nativa Libros; Uruguai, 1968), “En resumo, na formación dun exército moderno temos en conta o home e a arma, mais sempre consideramos que o home é o prioritario” (El hombre y el arma; Vo Nguyen Giap, Rosa Blindada, Arxentina, 1968). Sendo fiel á causa emancipatoria e ao socialismo, non por iso deixou de criticar actitudes que coidaba trabucadas: “Non se respectou abondo as crenzas das povoacións nas rexións con maioría relixiosa (...) todos os propietarios de bens raíces foron considerados inimigos dun modo mecánico, incluso aqueles que participaron da resistencia” (La guerra del Viet-nam; Georges Chaffard; CID; España, 1965). 

Agora ben, para alén destes aspectos que reflicten o político reflexivo, Giáp pasará á historia como o xeneral que dirixiu as tropas que derrotaron primeiro a Francia (1946-1953) e despois aos Estados Unidos e seus aliados, que apoiaban ao governo titere de Vietnam do Sur. Triunfos como os obtidos en Cao Bang (1950), e fundamentalmente Dien Bien Phu (1954), contra tropas francesas mellor armadas déronlle cedo un inmenso prestixio. A intervención dos Estados Unidos no conflito abriu unha nova fase na liberación do sur de Vietnam, facéndoa máis complexa e sanguenta. “O imperialismo americano enviou para o nosso país un corpo expedicionario de mais 600.000 homes composto por tropas norteamericanas e de cinco países satélites dos Estados Unidos, para servirem de núcleo a mais de um milhâo de soldados fantoches” (Na Via de Ho Chi Minh, por Le Duan, Ediciôes Avante, Portugal, 1977).

Neste novo período Giáp colleitou fracasos e triunfos, nun proceso de guerra moi longo que se estendeu ao norte do país e estados fronteirizos (Cambodia, Laos). Sen dúbida o importante foi, que malia a superioridade en armas e homes, ao final o Vietnam revolucionario acadou a retirada estranxeira (1973) e pouco anos despois a unificación nacional (1976). Era a primeira vez que os Estados Unidos foi derrotado. Sería un precedente do que posteriormente pasou en Afganistán, aínda que neste último caso o número de tropas involucrado no conflito foi moito menor; ademais, a orixe de ambas organizacións e os obxectivos políticos e sociais que teñen son moi distintos. Giáp exercería o cargo de Primeiro Ministro do Vietnam entre anos anos 1976 e 1991.

Vietnam ten hoxe 105 millóns de habitantes, e ocupa o posto 24 pola súa economía, que ten un valor (en capacidade de merca) de 1.150 mil millóns dólares. Como gran parte do sur-este asiático mantén altas taxas de crecemento. As exportacións (Estados Unidos, China, Corea do Sur...) dan pulo á produción e o emprego, en certa medida por mor da confrontación entre Estados Unidos e China. Outro reforzo son as remesas dos emigrantes no exterior, 3.400.000 (Estados Unidos -máis dun 40%-, Xapón, China, Australia...). Que complexa é a realidade en tempos de globalización.

Te puede interesar