Opinión

Golpe e represión en Bolivia

Malia que a Unión Europea olla pra outro lado, e Estados Unidos, Brasil e outros países de América Latina apoian á presidenta de facto Jeanine Áñez, cada día que pasa resulta máis difícil de esconder o Golpe de Estado en Bolivia. Añez foi arroupada pola policía e o exército, elixida en minoría no Senado e impedindo a entrada no recinto á presidenta da cámara, que é do MAS, forza con maioría no poder lexislativo. Foi unha auto-proclamación, que axiña foi acompañada dun decreto que dá carta branca ao exército pra reprimir as protestas populares.

Non se pode obviar que Evo Morales e seus ministros víronse obrigados a dimitir diante das ameazas, nuns casos queimando as súas casas e noutros raptando a familiares. Ao que se engade a dura represión posterior. A esta altura as persoas mortas son 32, as feridas 850, e as detidas 1.300. A situación é tan preocupante que a Comisión Inter-americana de Derechos Humanos (CIDH) realizaron unha visita urxente a Bolivia pra esixir que non se utilicen os militares contra as protestas, que se derrogue o decreto 4078 que lles dá impunidade, e que se poña fin ás ameazas contra lideres do anterior Governo, deputados/as, e dirixentes sociais, e funcionarios...

A CIDH  tamén pediu que se abrise un dialogo nacional, con participación de todas as partes, pra elección dun novo Tribunal Electoral que convoque eleccións en 90 días. Cómpre lembrar que este organismo depende da OEA, unha institución rexional que destaca por seguir os ditados de Estados Unidos e os governos neoliberais. O que amosa até que punto se traspasaron as mínimas normas democráticas polo Governo de facto, e a enorme oposición ao Golpe. Este último aspecto é moi relevante, dado que cuestiona o apoio internacional ao Governo autoproclamado, dado que afecta os intereses económicos e estratéxicos das corporacións e potencias internacionais. Por exemplo respecto da explotación do litio. Canadá e Estados Unidos teñen interese neste mineral. A recente sinatura dun acordo con China e a ruptura do que había con Alemaña, podería ser a causa pola que a UE manten unha actitude tan comprensiva co Golpe.

As primeiras semanas do Golpe deixan en evidencia que aínda ten moito peso na sociedade boliviana considerar aos indíxenas como un povo subalterno, mesmo por parte das clases medias mestizas, e que se utilizan polas clases dominantes os sentimentos relixiosos e a súa escenificación como un arma política. Tamén axudou pra o relato dun suposto fraude electoral que Evo non gañase con máis do 50% dos votos en primeira volta, e a axuda da OEA pra sementar a dúbida; aínda que non se atrevese a cuestionar que o MAS gañou as eleccións, porque non sería críbel.

Dende o ano 2006, en que asumiu Evo Morales a presidencia, déronse no país grandes avances: o PIB medrou un 327%, a pobreza diminuíu do 60% ao 35%, e a estrema pobreza do 38% ao 17%, o salario mínimo pasou de 60 a 300 dólares mensuais, e o emprego asalariado de 500 mil a 1.800 mil persoas. Mesmo mantense un medre do PIB importante nunha conxuntura de caída do prezo internacional das materias primas. Nesta transformación foi fundamental que o Estado pasase a ser o principal accionista das empresas de produción enerxética, e se fixese un gran esforzo nun reparto máis xusto da riqueza. Tamén foi transcendental o recoñecemento do carácter plurinacional de Bolivia, dignificando aos povos indíxenas, que xogaron un papel subalterno antes e despois da independencia de España.

Con este Golpe de Estado máis unha vez primou a forza, a inxerencia, e a barbarie. Un paso atrás na democracia. A heroica resistencia popular foi quen de forzar á inmediata convocatoria electoral sen exclusións, se ademais gaña o MAS, como é lóxico, sería un freo a novos intentos golpistas en América Latina.

Te puede interesar