Opinión

O governo galego no exilio

O 15 de novembro cúmprense 70 anos da constitución do Consello de Galiza, ou sexa do governo galego no exilio. Estaba integrado por varios deputados electos que puideron fuxir ao exterior despois do golpe militar contra a República e fixaron a súa residencia na Arxentina ou Uruguai. Todo apunta a que a iniciativa foi de Castelao, que deste xeito querían manter viva a autonomía, influír nas decisións do Governo da República no exilio, e organizar politicamente os emigrantes no exterior. No caso galego, carecíase de deputados autonómicos, xa que o proceso estatutario estaba en pleno desenvolvemento cando o levantamento militar. Porén, a autonomía fora aprobada en referendo e o texto presentado no Parlamento, polo que serían os deputados nas Cortes os que se integraron no Consello.

A constitución do Consello de Galiza realizouse na cidade de Montevideo, e formarían parte do mesmo Afonso Rodríguez Castelao, Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Pícallo e Elpidio Villaverde. O seu primeiro presidente sería Castelao. Pouco despois, integrouse o deputado Alfredo Somoza. O Consello de Galiza nomeou delegados en París, Cuba, Montevideo, México, etc. 

Tamén foi Castelao o que impulsou a Irmandade Galega de Bos Aires que se fundou o 13 de decembro de 1941, da que collerían exemplo outras irmandades que xurdiron na América Latina. No caso da de Bos Aires, uníronse a esta, a agrupación do Partido Galeguista, moitas persoas que proviñan da arredista Sociedade Nacionalista Pondal e outras sen militancia previa. O papel da Irmandade e do Consello sería fundamental como referencia política e para aglutinar moitas entidades de emigrantes no exterior en temas de transcendencia, como foi por exemplo, o nomeamento de Castelao como ministro do Governo Republicano no exilio. 

Coa morte de Castelao, o Consello perdeu algo da súa vitalidade, e manifestáronse no interior deste e da Irmandade dúas liñas diferenciadas. Algúns relatorios do 1º Congreso da Emigración Galega, convocado polo Consello no ano 1956, fixeron abrollar publicamente estas diverxencias. Por unha banda estaban destacados ex militantes da agrupación do Partido Galeguista, que “controlaban” o Consello, con posturas mornas nas reivindicacións sociais e na loita contra a ditadura (moi na liña de Piñeiro no interior). Pola outra, aqueles que mantiñan unha actitude máis combativa e cunha maior presenza nas entidades da colectividade. De todo isto fálanos Bieito Cupeiro no seu libro A Galiza de Alén Mar. Dende a morte de Castelao ate a súa desaparición, Antón Alonso Ríos, como secretario do Consello, será o seu portavoz, ao que se debe recoñecer entrega e coherencia.

A reorganización do Consello no ano 1961 permitía unha corrección política, xa que se abriu o organismo a novos membros que coa “súa acción e representación reforcen as actividades”. Deste xeito pretendíase suplir as baixas polo deceso de varios dos integrantes. Dende ese intre sumaranse aos deputados fundadores distintos representantes da colectividade, que se renovan cada ano, evitando a dependencia do grupo de apoio que incidía sobre a liña política do Consello (ao que se chamou criticamente o Politburó”). 

Nesta nova etapa destaca a procura de novas relacións coa Galiza interior, nomeadamente co grupo Brais Pinto e logo co Consello da Mocidade, das que Antón Moreda, que trouxo orientacións do Consello de Galiza, será expresión. Na emigración hai que lembrar a realización das Xornadas Patrióticas Galegas os 25 de xullo, os Xogos Frorais (1963) co gallo do Día das Letras, e os manifestos publicados sobre temas relevantes da realidade galega. O Consello de Galiza, así como as Irmandades Galegas, tiveron un papel importante en manter acesa a loita pola democracia, e os dereitos nacionais e sociais de Galiza. Cómpre lembralo.

Te puede interesar