Hai que rematar co axuste social

Hai que rematar co axuste social

Sen dúbida o debate político entre a esquerda e a dereita está máis agudizado que nunca nas formas e nos contidos, especialmente nos discursos nas institucións e actos con clara intención electoral. Unha disputa centrada na pretensión de sectores importantes da dereita de eliminar as autonomías (do pouco que realmente queda delas), dar marcha atrás na loita contra o machismo (aspecto central da conquista da igualdade), e manter políticas máis duras contra a inmigración ilegal, sen contemplar no seu lugar medidas que axuden ao desenvolvemento dos países de orixe e eliminen o intercambio desigual. 
Dálle azos a que o debate se centre nestes temas: a declaración simbólica da independencia de Cataluña, e a inxustificada acusación de rebelión e prisión preventiva pra os principais referentes políticos do soberanismo. E posteriormente os acordos con Vox pra garantir a presidencia do PP en Andalucía, con pactos que todo indica implicaran un retroceso social. A contestación, como era lóxico, non se fixo esperar, e tivo unha importante cobertura mediática respecto da  violencia de xénero, deixando nun segundo lugar cuestións que tamén son de transcendencia pra sociedade.

Refírome concretamente á necesidade de derogar axiña as reformas laborais e das pensións, así como a Lei mordaza, xa que son mecanismos de presión a prol do deterioro das condicións laborais e dos servizos e prestacións sociais, como se reflicte co medre da precariedade e desigualdade. Nestes obxectivos coido que o sindicalismo debería ter unha actitude máis atrevida, moralizadora e combativa, mesmo sabendo que neste intre están abertos moitos frontes de conflito nas empresas e sectores na procura de mellora nas condicións de traballo. Porén estas loitas, sendo importantes, carecen da compoñente solidaria e de clase que son consubstanciais das mobilizacións xerais que cuestionan o modelo de relacións laborais, produtivo e de participación. E, sabendo que a folga xeral é o expoñente máis alto deste tipo de loita, máxime cando se estende ate conquistar os obxectivos estratéxicos, ou intermedios, hai outro tipo de accións que ao se manter no tempo son moi efectivas, acumulan forzas e gañan complicidade social (os chalecos amarelos en Francia son un exemplo, tamén a ocupación de prazas e lugares públicos noutros procesos). 

Fago reflexión sobre estes temas e os métodos de presión, sabendo que a correlación de forzas nas institucións non é a máis convinte, e que o poder económico pesa máis que nunca. E, ademais da regresión nas condicións laborais, no caso concreto de Galiza, todo amosa que se poden perder empresas que son estratéxicas na economía. Refírome ao peche da central de Meirama e dentro a seis meses de Alcoa na Coruña, e as graves dificultades polas que pasa o estaleiro Vulcano en Vigo. E todo fai pensar que a perda destas factorías, e do emprego directo e indirecto, non está á marxe de que nos últimos anos moitas fosen vendidas a capital foráneo. En resumo, o axuste económico, laboral, social e democrático, non rematou pra Galiza, e todo indica que se vai a acelerar nos vindeiros anos. A crise do sector agrario e a grave situación da sanidade, por falta de persoal, e polo tanto recursos, son tamén parte parte desta tendencia regresiva. 

Diante deste panorama regresivo en aspectos fundamentais, aínda que haxa sectores e empresas que avancen, son necesarias respostas por parte da Xunta e as demais institucións, superando seu carácter subalterno, pra propoñer proxectos de País e disputar espazo no Estado, en Europa e no mundo. Asemade, as organizacións sindicais e sociais deben superar as prácticas locais, sectoriais, e de fracción, pra formular e reclamar que Galiza desenvolva todas as súas potencialidades dende a xustiza social e a solidariedade.