Opinión

A hexemonía e as referencias políticas

Ese gran loitador italiano contra o fascismo, que foi Antonio Gramsci, militante socialista primeiro e comunista despois (marxista heterodoxo e admirador de Lenin). Nacido en 1891 na Cerdeña, un país cunha identidade moi marcada. Pasou anos en prisión, durante a ditadura de Musolini, sometido a todo tipo de vexacións, mais isto non impediu que unha boa parte dos seus análises e reflexións foran escritos durante esta etapa, concretamente os “Cadernos de cárcere”. 

Gramsci merece unha lectura na etapa actual, sempre como unha contribución, nunca como unha receita, porque en cada terra e tempo debe atopar os camiños axeitados pra avanzar. Pra facer esta andaina, ademais dun coñecemento fondo da realidade nacional e internacional, da historia, dos clásicos, non podemos ignorar a pensadores do momento.

Pola súa actualidade, quixera lembrar o seu concepto de Estado, onde ademais das institucións e organismos directamente dependentes, cando analiza a superestrutura, inclúe o que chama a “sociedade civil”. Entende como tal a escola, medios de información, igrexa, etc, que desempeñan funcións de hexemonía. Ou sexa que: a sociedade civil é o alicerce da sociedade política coa que está ligada de xeito indisolúbel e serve desta maneira pra artellar e transmitir a ideoloxía dominante. En poucas verbas, que non abonda con governar as institucións, cando se pretende transformar o marco social e económico, porque ademais a ideoloxía dominante tamén se transmite a través de “estruturas chamadas privadas”. Isto, que era importante nun país plurinacional como Italia, hai un século, todo reflicte que hoxe ten un maior peso.

Estase a dar un neste intre un fortalecemento das clases dominantes, do que Gramsci chama o “bloque histórico”, e a institucionalización e elitismo nos partidos de oposición. Xa que estes na práctica deixan fóra das súas tarefas a gran parte da estrutura por medio da que se transmite a ideoloxía hexemónica. Se hai un século facía falla en Italia, na Europa occidental, un partido de masas, participativo, con tarefas en todos os eidos pra avanzar na transformación da sociedade, porén especialmente na loita ideolóxica (na formación da conciencia social): imaxinemos hoxe! 

Por se non abondase, ao analizarmos os organismos de dirección dos partidos da oposición na actualidade, pódese comprobar como a inmensa maioría dos dirixentes son cargos institucionais, provintes de categorías profesionais ou do sector público (e non estou a falar de que teñan estudos superiores), e tendese a identificar o proxecto cun mínimo de persoas. Como transformar a sociedade se os partidos non reflicten o que predican no seu relato (nun intre no que está tan cuestionada a falta de coherencia). E mudar isto debería ser unha tarefa fundamental, xa que aumentaría a militancia e o activismo. Nos últimos anos da ditadura e nos primeiros da transición a imaxe dos partidos da esquerda era distinta neste aspecto. 

Hoxe, a clase obreira está moi estratificada, os labregos son minoría, os pequenos empresarios están cercados. A maioría traballan horas arreo e aumenta a precariedade. E o estudantado, que xogou un papel tan importante hai unhas décadas non está mobilizado. Cómpre darlles o protagonismo social e político que lles corresponde a todos/as eles que son prioritarios pra defensa da nación galega, da xustiza social, da igualdade. Polo tanto, ademais da mobilización e do peso institucional, tamén é fundamental unha presenza con máis referentes, máis coral, sempre dentro do proxecto político e social que se defende, e sen facer concesións electoralistas. Isto ademais de enriquecer a mensaxe permitiría chegar con máis forza, con referencias máis próximas, nesta conxuntura tan complexa, aos moitos segmentos nos que están fracturadas as clases populares.

Te puede interesar