Opinión

Inflación, desigualdade e pobreza

A inflación é hoxe un grave problema no mundo, tanto dos países centrais como da periferia. A globalización axudou moito na súa rápida expansión, malia que xa se estaba superado o covid-19, como consecuencia das disfuncións creadas na cadea de valor entre oferta e demanda coa pandemia. Atrancos aos que se lle deu pulo coas sucesivas e sancións contra Rusia pola guerra da Ucraína, como causa da súa evidente integración na OTAN, os bombardeos sobre o Dombass ignorando os acordos de Minsk, e o descoñecemento do referendo de Crimea. Ademais estas sancións sumáronse ás que existían contra Cuba, Venezuela, China, Iran, etc. dando lugar a un salto cualitativo nos atrancos pras relacións comerciais; incidindo sobre o prezo da enerxía, alimentos, fertilizantes, mais tamén do aceiro, microchips, etc. 

Cando a Unión Europea decidiu o primeiro bloque de sancións, seguindo aos Estados Unidos, afirmou que estas esmagarían a economía de Rusia. Faríanlle “pagar cara a invasión” e abandonar seus obxectivos (evitar a integración da Ucraína na OTAN, recoñecer a autonomía das repúblicas do Dombass, a incorporación de Crimea en Rusia). Xa imos polo sexto paquete de sancións sen que deran os resultados esperados pola UE, e ademais volvéronse como un búmerang contra a economía das potencias occidentais, mais sen que estas rectificasen. O que deixa en evidencia que as razóns son no esencial estratéxicas, que se trata de manter o control do mundo pra que a globalización siga sendo funcional ás corporacións e intereses occidentais. Daquela que se arme a Ucraína, alongando unha guerra que a converte en carne de canón. Motivo polo que xunto á enerxía sexa a “defensa” o principal paquete de investimentos que financiará Bruxelas mediante a venda de bonos. 

Neste contexto e con esta evolución resulta incomprensíbel haxa sindicatos e partidos de esquerda e progresistas que manteñan a aposta polo neoliberalismo, en lugar de facelo por un modelo sustentábel e autocentrado, con xustiza social. E sobre todo é contraditorio alenten as intervencións e sancións, cando a povoacion da UE é das máis afectadas economicamente. A escusa da defensa da democracia non é críbel, máxime cando Kiev prohibe partidos políticos de esquerda dende hai anos, dá pulo a grupos nazis, e nega o dereito á autonomía, ignorando a diversidade do país. 

Pra alén das razóns que alentan a inflación no contexto internacional, coas especificidades de cada estado e que as potencias queiran máis unha vez transferir os custes da crise ás periferias, a inflación terá unha consecuencia directa sobre as clases populares. E moi especialmente sobre os asalariados/as, desempregados/as, autónomos/as e pensionistas, que non poden trasladar automaticamente a terceiros o aumento dos gastos esenciais. Daquela que se estean producindo mobilizacións masivas en moitos países, e que van en aumento. Como exemplo, na Galiza temos a asemblea nacional de delegados/as da CIG e posterior manifestación en Compostela o pasado día 15, que se suma a outras anteriores. Farano tamén outros sindicatos? Unha folga xeral?... 

A presión dos de abaixo é básica, xa que a evolución económica é preocupante. No caso da Galiza a inflación no mes de maio, en termos anuais, acadou o 9,6%. Un punto por riba da media do Estado. Neste o consumo das familias caeu un -3,7% no primeiro trimestre e o PIB só creceu 0,3%. Ademais, non se pode ignorar que o IPC pras familias con menos recursos é máis elevado xa que nas súas rendas ten un maior peso a enerxía e alimentos que son os que máis incrementan a inflación. O tempo xoga encontra dos países e clases sociais subalternas. Cómpren correccións inmediatas, nos salarios, nas pensións, medidas a prol da paz, e contra as sancións e o neoliberalismo. 

Te puede interesar