Opinión

A inflación, reaxuste e agora a crise bancaria

Sen dúbida tanto o pasado ano como no que vai do actual, alentado pola perda do poder adquisitivo dos salarios, medraron as mobilizacións e folgas na negociación colectiva en toda a Galiza, co obxectivo de recuperar en boa medida o valor real dos ingresos pactados. Este obxectivo acadouse en parte durante o 2022, ante todo porque houbo convenios onde se conquistaron aumentos salariais moi bos tendo en conta o contexto. Lembremos que houbo convenios onde non tocaba a negocialos e outros nos que non houbo sequera revisión, ao que temos que sumar empresas ou sectores que carecen de convenio e están atinxidos polo SMI e as normas de carácter xeral. 

Respecto dos convenios negociados e revisados o aumento conseguido no ano 2022 foi maior nas empresas e sectores de ámbito nacional galego (provincial e autonómico), xa que atinxiu o 4,76% e abrangueu a 528.469 persoas. Mentres que os convenios de ámbito estatal afectaron a 71.810 traballadores/as e o aumento medio foi do 3,19%. Cómpre lembrar que a proposta de crecemento dos salarios facíase sobre a base de que a inflación ía ser dun 5,5% no ano 2023 segundo previsións do Governo central. Cómpre ter en consideración que, despois da forte caída do PIB no ano 2020 de -8,8% pola pandemia, no ano 2021 e 2022 medrou na Galiza o 6,7% e 4,1% respectivamente. 

Un comentario obrigado. A diferencia tan grande no crecemento dos salarios segundo fose o marco territorial obedece a dúas razóns que non se deben ignorar. Por unha banda, que canto máis próximo é o territorio abranguido polo convenio maior é o protagonismo da clase obreira e alenta a folla de ruta das centrais sindicais máis combativas. A segunda, que tamén hai que destacar é a forza que ten na nación galega o sindicalismo antisistémico, como é o caso da CIG e outras centrais máis pequenas, xa que crea un contexto máis favorábel á participación e mobilización, e polo tanto ao sindicalismo máis combativo, como se amosa no proceso histórico.

Agora ben, o tempo foi deixando en evidencia que a inflación, especialmente a subxacente está a superar as previsións do Governo, moi optimistas, e que as eivas e atrancos do sistema non son tan conxunturais, e moito menos se deben en exclusiva á Guerra da Ucraína, como se afirmaba. Unha demostración é a quebra do Silicon Valley Bank. Até onde chegaran seus efectos, máxime cunhas débedas públicas e os xuros tan altos?... Como atinxirá esta nova crise ao mercado laboral e aos salarios, especialmente despois da caída nos ingresos nos últimos anos, máxime tendo en consideración que a inflación anual é do 16,6% na alimentación e moi alta na vivenda e enerxía?... 

Resulta evidente que a crise bate en maior medida contra as familias con baixos ingresos (clase traballadora, persoas autónomas e pensionistas; e dentro delas: aos/as inmigrantes, familias monoparentais, desempregados/as,... Ou sexa, é un duro reaxuste, como foi o de 2008, que deixa máis unha vez en evidencia, en moi pouco tempo, que o capitalismo está nunha etapa senil, onde os grandes avances tecnolóxicos, non evitan a tendencia dominante que alenta a desigualdade, a especulación, a violencia, a desfeita ecolóxica e o esgotamento de recursos primarios esenciais.

Por último. Non semella que o Estado español a UE poñan en primeiro plano aos sectores máis golpeados pola crise, para alén do discurso e algunhas medidas que non afectan á tendencia regresiva do reparto dos ingresos. Unha demostración é que no Parlamento non se aprobase a reforma da “Lei Mordaza” cos engadidos propostos pola esquerda nacionalista... e que tamén os estados da nosa contorna estean debatendo a reforma das pensións, no caso de Francia e Portugal cunha forte contestación sindical na rúa. Mentres os gastos militares non deixan de medrar.

Te puede interesar