Opinión

Unha interpretación 
retocada da realidade

Hai uns días, nun debate radiofónico cun deputado do PP sobre os orzamentos e o estado da economía, decateime máis unha vez de ate que punto a ideoloxía pode distorsionar a análise da realidade, e impedir dar resposta ás graves eivas e atrancos que confronta Galiza. El afirmou que xa saímos da recesión e que a economía medra a un bo ritmo, malia as malas noticias que chegan da UE. En relación a Galiza, destacou o superávit do “comercio exterior” (do que excluía o Estado español, porque “somos a mesma nación”), e o aumento do peso do noso país no PIB do Estado, rebaixando o diferencial negativo en tres puntos, grazas ás políticas alentadas pola Xunta. En poucas palabras: que o Estado español saíu da recesión grazas ás políticas da dereita e que, no caso de Galiza, o Goberno de Núñez Feijóo aínda o fai moito mellor. 

Esta interpretación da realidade, funcional aos intereses do PP, mais tamén aos das grandes empresas e fortunas, non resiste a máis mínima análise. É un discurso puramente ideolóxico, que os militantes deste partido realizan dende hai meses, sen ningún matiz, calquera sexa o sector e o lugar onde o fan.

O medre do PIB non deixa de ser cativo, mesmo que chegue ao 2% no ano 2015, polo que a taxa de desemprego seguirá sendo alarmante e a emigración da mocidade unha traxedia. Ademais, por se non abondase, os salarios seguen baixando, os contratos son cada vez máis curtos e pra xornadas máis reducidas, as prestacións e servizos inferiores e de peor calidade. No caso concreto de Galiza, malia o medre da renda este ano, temos 40.000 persoas activas e 170.000 ocupados menos que no ano 2009. E o PIB galego segue estancado no 5,4% do total do Estado. Ulo o diferencial positivo no crecemento da economía? Houbo un medre do PIB por persoa, pola sinxela razón de que decreceu a poboación por mor da emigración e da baixa natalidade. Expulsando a franxa con menor renda ¡así calquera acada bos resultados! O cambio máis salientábel durante este período na economía galega foi a merca por capital foráneo de sectores estratéxicos ou a súa liquidación, e isto non é precisamente algo do que se gabar. 

Tampouco é verdade que Galiza teña un saldo positivo na balanza exterior. Non constituímos unha Alemaña en pequeno. Se fose deste xeito, serían incomprensíbeis os resultados negativos en emprego, salarios, e vitalidade demográfica. É verdade que temos un saldo positivo, aínda que moi dependente duns poucos sectores, se excluímos o comercio co Estado español, que representa rente dun 50% do total. Mais, ao facelo, ademais de nos dar unha visión incompleta, impide que podamos tirar conclusións acertadas e pór en práctica medidas correctoras neste tema. Excluír da análise un anaco tan importante do comercio exterior por razóns políticas e ideolóxicas é unha verdadeira barbaridade. Se cadra sexa por isto que dende o ano 2008 a Xunta non publica as táboas input-ouput da Galiza?

Segundo o estudo de 2008 do comercio exterior galego das táboas imput-ouput, exportabamos por 29.271 millóns de euros e importabamos por valor de 36.024 millóns. A cobertura atinxía o 81,3%. E, non se podía cubrir ese déficit comercial tan importante con divisas procedentes do investimento exterior, que é moi cativo, e do turismo, que non ten a masividade doutras zonas, polo que a resposta foi o axuste. Como durante a crise non creceu a industria galega, a actividade primaria, e os números positivos en relación coa zona euro son consecuencia de que recuaron as importacións, todo amosa a que se quere presentar un aspecto parcial como unha tendencia do conxunto da economía. Co obxectivo evidente de xerar a expectativa dunha rápida mellora laboral e social, que lle permita ao PP canear o retroceso electoral que todas as enquisas vaticinan.

Te puede interesar