Opinión

A invasión das vítimas

A inmigración masiva, desesperada, esa que foxe da guerra, e esa outra que o fai por mor da destrución dos seus países de orixe, por razóns económicas ou ecolóxicas, peta con forza nas fronteiras da Unión Europea. E todo fai pensar que non a vai deter ningún muro, nen medidas represivas. Non teñen ren que perder. Agora ben, tanto quen predican acollelos coas mans abertas, como quen queren deter a súa entrada por todos os medios, semella que ignoran as razóns que forzan a esta inmigración. Os discursos dominantes presentan estes procesos como consecuencia natural dos avances da humanidade, ou como produto do oportunismo daqueles que queren aproveitar as vantaxes acadadas na UE con moitos esforzos e que non teñen nos seus países de orixe.

Sen dúbida, son dúas actitudes confrontadas e que teñen no inmediato, e na conciencia colectiva, resultados diverxentes, tal como se reflicte nas posturas dos partidos políticos. Nun caso, prestando apoio ao inmigrante, e noutro, xerando rexeitamento ou cando menos afastamento da problemática. Mais esquecen ou menosprezan as razóns que causan esta inmigración masiva. Ignoran as causas que forzan millóns de persoas a emigrar ou coidan que son imposíbeis de evitar. Porén, non sería tan difícil, se houbese vontade política por parte das grandes potencias e das clases dominantes. Por exemplo, a guerra de Siria mantense porque Estados Unidos a alenta directamente, ou indirectamente por medio de Arabia Saudita, Qatar e Turquía, que fornecen todo tipo de recursos á oposición, incluído o Estado Islámico. O propio acontece na desfeita da África Subsahariana, que é produto da intervención exterior e da explotación das empresas transnacionais, case que todas elas con sede nas grandes potencias. Detrás da traxedia da inmigración forzada está a cobiza dos ricos e poderosos.

A chegada masiva á Unión Europea non é casual. A entrada en Grecia de milleiros de persoas faise a través de Turquía, que forma parte da OTAN e ten medios abondo pra evitala. Por que non o fai? Evidentemente porque ás potencias occidentais non lles interesa, senón xa terían premido a Erdogan, e teñen medios pra facelo. Unha razón pode ser, a de xustificar unha maior intervención da OTAN en Siria e a ocupación da fronteira con Turquía, co argumento de situar alí os fuxidos da guerra. E deste xeito, cercar os curdos e xustificar unha intervención directa en Siria.

Mais esta dramática inmigración forzada ten ademais outro efecto colateral, xa que crea un clima que favorece o recorte de dereitos na Unión Europea, tanto sociais como democráticos, e aumenta a fragmentación das clases populares. Potencia a idea de que pode ser peor, de que non existe outro sistema posíbel, e que hai centos de milleiros dispostos a traballar por menos, ao aumentar a man de obra de reserva. Un marco económico, social e ideolóxico favorábel pra os poderosos, e ao que non van renunciar por motivos humanitarios, xa que nunca o fixeron, nen como hipótese. Unha resposta distinta só é posíbel se hai unha contestación social que se lle vai das mans, e un movemento político capaz de confrontar, tanto na rúa como no eido das ideas, ofrecendo unha visión alternativa dos feitos, unha folla de ruta, e obxectivos superadores do sistema.

Diante do drama migratorio, a mellor resposta é apostar por unha solución política en Siria, contribuír á estabilidade en Libia, rematar coa explotación neocolonial no sur do Sahara, e axudar ao desenvolvemento económico destes países. A globalización neoliberal está destruíndo os ecosistemas, aumentando exponencialmente a desigualdade entre países e clases sociais, dando folgos á economía especulativa e delituosa. Haberá que lle poñer remedio, antes que sexa demasiado tarde.

Te puede interesar