Opinión

As Irmandades, soberanía e avance social

Este ano cúmprese un século do nacemento das Irmandades da Fala. Hai unha morea de iniciativas en marcha pra conmemorar a data e divulgar o ideario do galeguismo, que define na Asemblea Nazonalista de Lugo de 1918 un programa progresista, e considera que sendo Galiza unha nación este termo reflicte mellor o movemento iniciado polas Irmandades que o de rexión. O manifesto que se acorda na Asemblea Nazonalista reivindica, entre outros aspectos: a autonomía integral pra Galiza (...) unha soberanía, completa e sen cativeces. Ademais proponse: a federación da Iberia con Portugal, e dar pulo as relacións co país irmán; a igualdade de dereitos pra muller; a eliminación as deputacións provinciais; réxime tributario sen intervención do poder central; a nacionalización dos ferrocarrís; etc.

A iniciativa pra constitución das Irmandades foi de Antón Villar Ponte. A primeira xuntanza celebrouse nos locais da Academia Galega, na cidade da Coruña. Acudiron 20 persoas, coa finalidade de crear unha liga de amigos do idioma galego. No ano 1915, o escritor Aurelio Rivalta fixera un chamamento neste sentido na revista Estudios Gallegos. Mais sería Antón Villar Ponte o que comezou, o 5 de xaneiro de 1916, unha campaña pra levar adiante esta idea. Deseguido naceron noutras cidades e vilas asociacións semellantes, por exemplo, en Compostela, Ourense, Monforte, Pontevedra, e Vilalba, ese mesmo ano. Na agrupación de Ourense, integráronse ao pouco persoeiros como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. O voceiro das Irmandades da Fala sería A Nosa Terra, cabeceira que antes o fora de Solidaridad Gallega (1907-1912).

As Irmandades non xorden da nada, son parte dun proceso de maduración no eido das ideas, e da necesidade de dar resposta a unha agudización das contradicións, entre as clases sociais, mais tamén entre o centro e a periferia, a medida que se desenvolve o capitalismo monopolista. Hai que destacar antecedentes de tanta importancia como a Revolución de 1846 e o banquete de Conxo en 1856. A publicación de Cantares Gallegos en 1863 e a Historia de Galicia de Vicetto en 1865. As revoltas agrarias do sexenio, con ducias de mortos. A insurrección de mariñeiros e operarios no Ferrol en 1872. A creación do Partido Republicano Gallego en 1873, que reclamaba un governo propio pra Galiza, así o esixiu a Asemblea Federal de Compostela á que asistiron 545 delegados. Ou o primeiro xornal exclusivamente en galego, O Tío Marcos da Portela, en 1876, e a creación da Academia Galega en 1906.

Tamén incidiu o contexto internacional. Lembremos que Europa está mergullada na Primeira Guerra Mundial. A revolta ferve en Irlanda, onde na Pascua de 1916 iníciase unha insurrección (24-29 de abril) que remata en represión sanguenta por parte do exército do Reino Unido, o que terá como efecto que o soberanismo desprace en poucos meses ao autonomismo como referencia popular. En Rusia o réxime zarista descomponse abrindo as portas á revolución democrática de febreiro e á socialista en outubro de 1917. Coa mesma rapidez esfarélanse o Imperio Otomán e o Austro-Húngaro, xurdindo novos estados. E a hora da liberación das nacións sometidas en Europa e Medio Oriente; tamén do ascenso da clase obreira, que se atopa na vangarda da conflitividade e da proposta dun modelo máis xusto de sociedade.

Moitos dos que integraron as Irmandades da Fala estaban ligados coas loitas sociais da época. Lembremos o seu papel nas asembleas agrarias que potencian a mobilización contra o sistema foral e apostan por unha revolución tecnolóxica que aumente a renda agraria. As Irmandades demostran que hai un século as condicións de vida, soberanía, identidade e lingua, xa eran pra o nacionalismo parte do proxecto de país.

Te puede interesar