Opinión

A lei mordaza quere afogar a protesta

Practicamente todos os partidos políticos con presenza no Congreso están en contra da reforma da Lei de Seguridade Cidadá que presentou o PP e está en debate parlamentar, xa que criminaliza a protesta social e abusa das sancións administrativas que poden atinxir ate os 600.000 euros. Non sería a primeira oportunidade na que o partido do governo acada un rexeitamento tan amplo, xa que outro tanto lle sucedeu hai pouco co tema do aborto, que se saldou coa demisión do ministro Gallardón. Mais, semella que ate o último momento Rajoy teima en dar folgos aos de arriba, mentres aproveitando a súa maioría no Parlamento fai o imposíbel por quitar aire á mobilización. Todo indica que o fai por se falla a repetida teoría dunha futura e segura recuperación, que non funciona nunca pra os de abaixo, polo que opta por poñer a punto medidas que amordazan e castigan un previsíbel medre da resposta social.

A reforma presentada polo PP obriga á colaboración cidadá coa policía baixo imposición de sancións, sen que esta teña que se identificar, e ademais poderá utilizar a forza que “considere necesaria”. Amplía as competencias desta en desaloxos, disolución (mesmo preventiva) de reunións e manifestacións, así como a gravación indiscriminada de persoas e lugares. Castíganse as “ofensas” ás institucións, himnos e símbolos do Estado español. Múltanse as manifestacións públicas a través de panfletos ou bandeiras que se estime que incitan á alteración da orde. Sanciónanse duramente os peches, escraches e concentracións contra os desafiuzamentos; os cortes de tráfico, despregue de faixas e manifestacións diante das sedes parlamentares; pendurar carteis, facer pintadas, acampadas de protesta, recollida de sinaturas e colocación de mesas nas rúas.

Limita a liberdade de información, xa que as denuncias de corrupción de autoridades ou institucións públicas, cando se consideren calumniosas, serán motivo de sanción inmediata. Afecta a un dereito fundamental como é o de folga, xa que inclúe entre os seus fins sancionadores, o de prestación de servizos esenciais. Limita a propaganda nas vías, xa que impide pendurar carteis, adherir pegatinas, facer acampadas en lugares públicos, e manifestacións ante sedes parlamentares. Por se non abondase, castígase que os traballadores públicos se mobilicen con roupa de servizo.

A Lei aumenta o numero de infraccións sancionadas, pasando de 30 a 57, e ademais se aumenta a contía das multas governativas. Algunhas das sancións son máis gravosas que as penas impostas nas faltas que o proxecto de Código Penal pretende destipificar. Diante destas multas, ao afectado/a só lle cabe o contencioso administrativo, con pago de taxas e demora resolutiva. Algúns maxistrados teñen alertado que recorrer algunha destas sancións pola vía do contencioso administrativo podería ter un custe de 2.000 euros só en taxas, mentres que a actual vía penal é gratis.

Resulta evidente que esta lei non ten como finalidade aumentar a seguridade cidadá, senón que isto se utiliza como un subterfuxio pra esmagar a protesta laboral e social. Ademais, denuncian os xornalistas, quérese poñer unha mordaza aos medios de información diante de casos de corrupción e situacións de arbitrariedade. Diante dun recuar de tal magnitude, é lóxico que os partidos presentes nas Cortes se opoñan a esta reforma da Lei de Seguridade Cidadá, xa que secuestra dereitos esenciais. Esta reforma afecta especialmente ás clases populares, xa que os únicos medios efectivos cos que contan son a mobilización, folga e propaganda e axitación nos centros de traballo e na rúa. Sería importante pra frear esta nova regresión que as mobilizacións convocadas pola Alianza Social Galega os vindeiros 13 e 23 deste mes en todas as cidades galegas sexan masivas.

Te puede interesar