Opinión

A letra pequena, e a folla de ruta

Dise desde o Governo, e non se cuestiona dende a oposición de dereita, que os fondos europeos van recuperar e transformar a economía adaptándoa ao futuro verde. Mentres tanto no Foro da “Toja” (que non respecta a toponimia galega, malia o apoio institucional) os empresarios preguntan pola letra pequena dos fondos europeos, xa que en concreto pouco se sabe deles; por exemplo: como se van repartir entre autonomías e entre sectores? Coñecemos as grandes liñas: fortalecemento do sector sanitario e a atención á dependencia, a dixitalización das administracións, a enerxía verde e recuperar o turismo... Seica os recursos adicados á industria, tan importante pra a nación galega, van ser xestionados de xeito centralizado, neste tempo de axustes e desmantelamento (aluminio, centrais termoeléctricas, estaleiros, construtoras de areoxeradoras, etc.). É pra tremer tendo en conta os antecedentes.

A letra pequena de fondos que seica teñen como obxectivo a recuperación da actividade produtiva, non é algo menor tanto pra os sectores como pra os territorios. Porén tamén até que punto se constrúe unha economía alternativa en función dos límites ecolóxicos, modificando tanto modos de produción como comportamentos e hábitos sociais, reducindo a mobilidade e o consumo superfluo. Son cambios necesarios, que levaran tempo; a cuestión estratéxica neste intre é inicialos, ter obxectivos e folla de ruta claros. Non se trata só da enerxía verde e da dixitalización, os proceso debe ter o mesmo ritmo en todos os ámbitos afectados, de non facelo así correse o risco de atopar atrancos insalvabeis, mesmo de retroceder nalgúns retos que se fixaron.

Por exemplo, non se pode obviar que a transformación do sector enerxético non é cousa de dous días, como se está a ver agora en toda a UE co aumento do custe da electricidade, máxime cos rebotes da economía causados pola pandemia. Entre outros motivos, porque non está solucionado o almacenamento masivo da enerxía producida con medios alternativos (dado a incidencia da climatolóxica). Séguese dependendo da enerxía convencional: atómica (perigosa), do carbón ou gas (contaminante). Sumémoslle a cobiza empresarial e a especulación na Bolsa, a confrontación entre potencias,... e temos unha tormenta perfecta.

Ademais, a escaseza de enerxía e o seu elevado prezo inciden sobre o nivel de vida das familias, así como na industria e os servizos (tal como xa se nota co medre do IPC, que xa chega ao 4%). E, as empresas que teñen na exportación boa parte do seu mercado sitúanse en desvantaxe competitiva, xa que o medre do prezo da electricidade non é igual en todos os países.

En síntese, os fondos europeos son importantes pra recuperar a economía, porén a cuestión é: en que sectores e cal será o reparto por autonomías?... Así como: seguirase dando pulo ao centralismo e facendo os axustes máis duros na periferia? Tampouco se pode obviar que o medre do IPC, de se manter, comerá boa parte destas axudas que xa non terán o mesmo efecto por mor do aumento dos prezos sobre o consumo, máxime se os salarios son os que absorben a inflación, dando pulo a unha sobre-acumulación do capital.

Por outra banda, non se pode ignorar que os prestamos e axudas da UE hai que devolvelos, uns a través dunha maior presión fiscal do Estado español, e outros por medio de novos impostos que fixará Bruxelas. Non son cartos gratis. Só un adianto e “un reparto solidario”. Daquela que importe a letra pequena, moi especialmente pras clases populares e nacións da periferia. Saber até que punto os fondos nos están condicionados a un axuste económico e social, por efecto na concentración e centralización da riqueza e na creación de emprego en función dos centros de poder, dos que Galiza non forma parte.

Te puede interesar