Opinión

Lingua e discriminación

ODía das Letras, como o 1º de maio, estivo este ano condicionado polo covid-19, en pleno proceso de “desescalada” e coa nosa nación na primeira fase, iso si, sen posibilidade de mobilidade por toda Galiza, como pedía a Xunta, xa que o Governo central mantivo ás provincias como criterio territorial. Modificarase na fase dous? Entenderase en Madrid a homoxeneidade existente no noso país? Agora ben, indo ao tema do artigo. Pra alén da persoa á que se adique o 17 de maio, a homenaxe será merecida, mais o transcendente é o compromiso da sociedade coa cultura e lingua da nación galega. Non se pode esquecer que durante séculos nosa identidade, cultura, lingua e historia, fon discriminadas, mesmo perseguidas, polas políticas centralistas, e moi especialmente durante a ditadura franquista.

Falar a lingua do país é importante, mais que iso non implica ser máis ou menos galego ou galega, nen querer máis ou menos esta Terra, que é, fundamentalmente a xente que a habita. Non se pode obviar que a inmensa maioría das persoas non escolleron libremente a lingua que empregan publicamente, dado o carácter subalterno da nosa nación, e a condición dominante en todos os ámbitos do castelán. Ao que se suma a imposición durante séculos na conciencia colectiva da conquista e dependencia, mesmo como sinónimo de atraso polo emprego da lingua galega e daquilo que nos identificaba como unha nación. 

Non hai dúbida de que esta contradición lingüística e cultural forma parte da maioría das familias galegas, especialmente daquelas que aínda teñen nexo co rural ou áreas intermedias. Trátase dun problema non resolto na nosa sociedade, malia que algúns pretendesen darlle unha saída teórica mediante un “bilingüismo harmónico”. Esta non era unha solución pola sinxela razón de que non existe neste contexto, con estas regras de xogo, igualdade de oportunidades, e polo tanto de escolla. 

Daquela que coide un erro considerar ás vítimas como responsábeis, e supeditalo todo á resposta persoal, sen ter en consideración o contexto. Neste intre máis que nunca esta actitude está condicionada polo ámbito socio-económico e de convivencia, cun rural cada vez máis secundarizado (modificarase esta tendencia polo covid?); malia a acción positiva das organizacións políticas, sociais e culturais, ligadas ao nacionalismo ou ao galeguismo, e das persoas que se suman por razóns moi especificas. En resumo, non se pode illar o debate do idioma galego, da nosa historia e cultura, do papel que Galiza teña no futuro como identidade nacional, máxime tendo en conta a globalización, mesmo que recúe o comercio e o turismo mundial. Nen obviar que a Xunta reducise as axudas á promoción da lingua e ás actividades culturais en galego. 

Agora ben, a vara de medir debe máis esixente con aquelas persoas que tendo poder económico, político, ou capacidade pra influír no eido das ideas, rexeitan ou colocan nun papel subalterno a lingua e a cultura do país, poñendo por diante satisfacer aos poderes hexemónicos. Falo tamén da actitude dos partidos, das organizacións sindicais, sociais, empresariais... Nestes casos a responsabilidade histórica é evidente, e non poden utilizar a escusa de que afectaría as vendas dos seus produtos ou que terían menos repercusión na sociedade, porque todos os estudos realizados amosan que non é así, máxime nun país no que case a totalidade da xente comprende o galego.  

Sei que entender unha lingua non é o mesmo que falala e pensar nese idioma, dar ese salto non é doado, máxime cando unha persoa criouse en castelán, mesmo así son milleiros as que deron ese paso: non todo foron retrocesos!!! (tampouco nas empresas). Cómpre valorar estes avances, e apoiar decididamente a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa historia. 

Te puede interesar