Opinión

Lingua, orgullo e identidade

Temos na Galiza centos de asociacións culturais que recrean a identidade do país ao través da musica, os cantos, os oficios antigos, a historia, a novela, poesía, etc usando acotío a lingua galega. Da súa importancia pra manter acesa a identidade nacional galega non hai dúbida. Que sería da nosa contribución á riqueza de humanidade, que está tamén en gran medida na diversidade de culturas e linguas, se non existisen estas asociacións, co apoio e colaboración de milleiros de persoas. 

Porén, anque que pareza mentira, as axudas públicas que reciben son cativas. As institucións, especialmente aquelas governadas pola dereita (ou a social-democracia españolista) teñen con elas unha actitude menos comprometida, nalgúns casos hostil, aínda que hai excepcións. E, sen unha actitude colaborativa non é doado manter e potenciar a cultura e lingua de Galiza, por máis que despois nas presentacións electorais e nos programas partidarios se asegure unha e outra vez que existe vontade de por remedio a esta situación. Na práctica gastase máis na construción dun pazo pra actos ou na contratación de grupos musicais foráneos pras festas de calquera cidade, que en todas as asociacións culturais que existen en Galiza. 

A comparación a respecto do idioma galego resulta aínda máis abraiante cando temos en conta as millonarias subvencións que reciben as empresas por parte da Xunta de Galiza, as mesmas que despois fan do castelán a súa lingua de uso cotiá, dun xeito teimoso, abafante, mesmo clasista, aínda que hai que recoñecelo hai excepcións, mais estas confirman a normalidade da discriminación. Non se trata de deixar de traer conxuntos de moda ou de construír pazos de congresos, nen de facer achegas a aquelas empresas que necesiten de axudas pra manter o emprego e xerar riqueza, senón de equilibrar, de valorar, de darlle á nosa cultura e lingua o lugar que corresponde. Trátase, de deixar de dicir que se fai moito pola nosa cultura e idioma (mesmo hai quen fala de que ten privilexios) cando se lle adica cen veces máis cartos a potenciar o castelán dentro do noso propio territorio. Eso si, dun xeito indirecto, sen Lei de Normalización e unha Dirección Xeral, e con menos propaganda institucional. 

Este axer esquizofrenico, no que a mesma Xunta de Galiza, mais tamén moitos concellos, non cumpren a Lei de Normalización que está en vixencia, malia o cativa, e néganse os dereitos máis elementais, non axuda a evitar a perda de persoas que empregan acotío o galego como lingua habitual. A responsabilidade das institucións, encetando polo Governo galego é máis que evidente, así como a necesidade de reforma dunha Lei de Normalización que non axuda nesta tarefa, e que foi modificada no seu día para manter o privilexio do castelán, coa axuda do marco estatal e séculos de dependencia, colonización. Non abonda con máis cursos de lingua, con series de éxito ou con famosos que din co falan, aínda que isto está ben. E hai que seguir a facelo. Cómpre, ademais, como mínimo, darlle a nosa cultura e lingua un trato igualitario no contexto histórico, algo que non acontece.

Nesta situación, o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, miles de persoas percorreran un ano máis as rúas de Santiago de Compostela berrando consignas a prol da nosa lingua, amosando un país vivo e que se nega a perder unha parte esencial da súa identidade. Unha morea de xente, de todos os recunchos de Galiza, que coida que a maior riqueza do mundo está nas mil e unha culturas e linguas que abrangue, e que ademais todas son necesarias e importantes. Unha mobilización que quere reflectir unha nación consciente, orgullosa do seu pasado, e que sabe que esta é unha contribución á humanidade que, como povo, como nación, pode e debe facer Galiza. 

Te puede interesar