Opinión

Malia as guerras, medra o multialteralismo

A esta altura coido que xa non hai dúbidas de que a UE e outros países aliados, como Canada, Australia, Xapón, Corea do Sur,... aceptaron, como o mal menor, as directrices dos Estados Unidos e a súa folla de ruta pra evitar a consolidación de China, Rusia, India... como potencias coas que tratar en pe de igualdade, co que iso implicaría perda de privilexios pra “occidente” na cadea de valor. Tampouco se pode obviar nesta decisión que dende a segunda Guerra Mundial a soberanía das potencias europeas estivo condicionada polas bases militares dos Estados Unidos (Reino Unido, Alemaña, Italia, Estado español...), ao que se debe sumar o control dos principais medios de comunicación de masas. 

Malia que a globalización neoliberal concentra e centraliza aínda moito máis a riqueza e o poder, en beneficio das potencias e das grandes fortunas, a desfeita do ecosistema, o límite na existencia de materias primas, o desigual medre demográfico,... reflectiron o carácter senil do capitalismo, e o ascenso de novas potencias (Indonesia, Iran, Turquía, Brasil, México, Paquistán, Arabia Saudí, Sudáfrica...) que xogan cada vez un papel máis importante, e que piden ter voz propia pra defender seus intereses, rexeitando que Washington teña a última palabra en todo, cun papel subimperialista da UE e outras potencias aliadas, o chamado “mundo occidental”. 

Nesta conxuntura, tanto no ámbito militar como no económico e no comunicacional, ou sexa na procura de gañar a batalla do relato, “occidente” está poñendo toda a carne no asador pra impedir ter que tratar a Rusia e China en pe de igualdade. E, ao mesmo tempo, manter a disciplina nas propias filas e nas novas potencias rexionais. Estas últimas apostan por un mundo multipolar, vendo con bos ollos os avances que consigan Rusia e China neste aspecto, porén co obxectivo dun multilateralismo moito máis amplo que o dun mundo dividido en dous bloques. 

Por esta razón moitos países se absteñen na ONU ou votan a prol da condena a Rusia pola invasión da Ucraína, mentres manteñen unhas relacións comerciais e políticas normais con Moscova. No primeiro caso, esquecendo que a guerra comezou en 2014, os bombardeos ao Dombass e as 14 mil mortes, xa que rexeitan calquera modificación das fronteiras actuais, algo que lles podería afectar (cando deben ser os povos directamente afectados os que decidan en materia de soberanía). No segundo, acertadamente, pondo o acento en lograr un acordo de paz (o que choca cos intereses de USA e a UE que neste intre buscan unha saída militar e desgastar a Rusia, ao que se suman os beneficios extras pra o complexo industrial militar e enerxético estadounidense).

Aínda que é moi cedo pra saber como vai ser o reaxuste entre estados e entre clases sociais. A esta altura todo indica que o bloque occidental está a perder peso tanto no ámbito económico e político, especialmente a UE, mentres que os Estados Unidos están gañando tempo, mais sen capacidade pra reverter o proceso. Ademais, o alongamento do conflito con Rusia e China está favorecendo ás potencias rexionais, que se van consolidando como governos a ter en conta no escenario internacional, co que isto significa en termos: políticos, económicos, e mesmo militares. 

Afirma Lagarde (BCE) que a globalización neoliberal non recua, que se está modificando. Coido que é unha verdade a medias. A confrontación, a desfeita da natureza e o límite de recursos, e as contradicións entre nacións e entre clases sociais, reforzaran moito a produción nos propios países, a nivel rexional, e o comercio dentro dos bloques políticos-económicos. A isto dá pulo hoxe o propio Estados Unidos coa lei contra a inflación; polo que crean economías máis autocentradas, aínda que seu obxectivo primitivo estea ligado a garantir a nivel global o control imperial. 

Te puede interesar