Opinión

Mariñeiros afogados polas costas

As protestas dos mariñeiros galegos do cerco poñen en primeiro plano dous problemas fundamentais: as negativas consecuencias da globalización neoliberal, e a ausencia de mecanismos de participación democráticos suficientes pra dar resposta aos atrancos e arelas das clases populares. Estas eivas teñen un carácter xeral porque algo semellante sucede noutros sectores, como o agro, o naval, etc. ou en relación a colectivos como os das preferentes, dos emigrantes retornados, ou dos desafiuzamentos.

Unhas veces a Troica, outras o BCE, a Unión Europea, o Governo central, ou a propia Xunta de Galiza, modifican as regras de xogo, ou esixen novos requisitos que “casualmente” terminan liquidando sectores produtivos do noso país que ate hai pouco eran moi competitivos e considerados estratéxicos. Diante desta desfeita, que dá folgos ao desemprego e ao deterioro das condicións de vida dunha boa parte da poboación, nunca se dan alternativas equiparábeis; mais, cando se trata das grandes empresas, axiña se deciden axudas e o propio Governo fai de comercial. Existe unha dobre vara de medir e practícanse unhas políticas orientadas a concentrar e centralizar riqueza e poder.

No caso concreto da pesca de cerco, resulta evidente que o sector ve en perigo a súa supervivencia; e que un 20% acepte o reparto das cotas, non é mais que a excepción que confirma a análise. Fálase de 130 barcos e uns 1.500 mariñeiros directamente afectados, aos que cómpre engadir redeiras e outras actividades anexas. Asemade, non se pode esquecer, que moitos deles viven en pequenos portos, nos que este é o único emprego dispoñíbel e o motor da economía na zona. Vendo o que está a acontecer con esta actividade pesqueira e outras, así como con empresas de transformación e venda moi importantes, semella que estamos a vivir un proceso salvaxe de reconversión como o que se deu hai unhas décadas no sector agro-gandeiro. Daquela forzada transformación, algúns lembran a tecnificación do sector, mais esquecen que se fixo cuns custes sociais que aínda non se superaron, de desertificación rural e desequilibrio territorial e nas taxas demográficas. Preténdese hoxe aplicar o mesmo “remedio”?

Diante deste problema económico e social, a Xunta ante todo debe ter unha actitude sensíbel, negociadora e moi especialmente procurar solucións, tanto de orde económica como que garantan unha redistribución xusta de recursos e oportunidades. E, sempre, debe de estar aberta ao diálogo, á negociación, e a ser valedora dos intereses dos galegos e galegas. Non ten a función de intermediaria ou garda pretoriana do Governo de Madrid, senón de defensora e dinamizadora das necesidades e arelas da Galiza. E neste caso non o fixo, destacou pola confrontación cun sector moi numeroso de persoas afogadas pola anguria fronte á perda do seu sustento vital. Porén esta actitude refractaria tamén amosou que son necesarios máis mecanismos de participación democrática, que dean voz ao povo. Cómpre abrir ás institucións ao sentir da xente!

O enorme operativo policial e as cargas contra os mariñeiros concentrados diante do Parlamento eran innecesarias, consecuencia da falta de capacidade de diálogo da Xunta de Núñez Feijóo, que quere solucionar todo coa maioría parlamentar e a utilización dos antidisturbios, sancións governativas e xuízos exemplarizantes. Deste xeito non se rematan as protestas, como a historia ensina. Pola contra, medra na conciencia social a idea de que só coa mobilización é posíbel a repercusión pública e a obtención de respostas (algo que por outra banda ten moito de certo). A pesca do cerco, a grave situación de Navantia, o peche a esgalla de empresas, o fraude das preferentes, os desafiuzamentos, a inxustiza da Facenda cos emigrantes retornados,... necesitan solucións, non ouvidos xordos e látigo.

Te puede interesar