Opinión

Marini: dependencia e subimperialismo

Mauro Marini, economista e sociólogo, cuxas obras son pouco coñecidas no noso país, mais teñen un grande interese pra Galiza, xa que analizou os condicionantes que a dependencia nacional impón respecto da sobre explotación da clase traballadora. Ou sexa, realizou unha ollada ao sistema dende a periferia. Marini é un teórico marxista moi coñecido en América Latina, especialmente no Brasil, mais tamén en Chile e México, países nos que estivo exiliado despois do golpe militar no Brasil que levou ao poder a Castello Branco. 

Adrián Sotelo Valencia, investigador e profesor da Universidade Autónoma de México, que estivo en varias oportunidades na Galiza recorre acotío ás análises de Mauro Marini, que considera fundamentais. Destaca ao respecto que: “A teoría marxista da dependencia, por medio de Marini e doutros autores como André Gunder Frank, Vania Bambirra, Orlando Caputo, etc, enfrontou o dilema neoliberal articulando a dialéctica e a teoría de Marx nunha visión global que puña espida as profundas contradicións do modo capitalista de produción que os ‘modelos’ macroeconómicos formalizados e matematizados pretendían agochar”. 

Marini nunha das súas obras, Dialéctica da Dependencia, caracteriza a sobre-explotación e a dependencia nos países latinoamericanos. Afirma ao respecto: “teoricamente, o intercambio de mercadorías expresa o troque de equivalentes, cuxo valor determinase pola cantidade de traballo socialmente necesario que incorporan as mercadorías. Na práctica, óllanse diferentes mecanismos que permiten realizar transferencias de valor, pasando por riba das leis de intercambio (...) O simple feito de que unhas nacións produzan bens que as demais non producen, ou que non poden facer coa mesma facilidade, permite ás primeiras que eludan a lei do valor, é dicir, que vendan os produtos a prezos superiores ao seu valor, configurando un intercambio desigual”. 

E engade en relación con este papel subordinado na escala de valor: “as nacións desfavorecidas polo intercambio desigual non procuran tanto corrixir o desequilibrio entre prezos e valor das súas mercadorías exportadas (o que implicaría un esforzo redobrado pra aumentar a capacidade produtiva do traballo) senón que compensan as perdas de ingresos xerados polo comercio internacional a través dunha maior explotación da clase traballadora (...) A industrialización latinoamericana corresponde a unha nova división internacional do traballo, en cuxo marco se transfiren aos países dependentes etapas inferiores da produción industrial reservándose os centros imperialistas as etapas máis avanzadas e o monopolio da tecnoloxía correspondente”. Está teoría é aplicábel a Galiza e outros países periféricos das potencias imperialistas, tamén o concepto de subimperialismo dos centros rexionais de poder en estados que xogan o rol de intermediarios.

Ruy Mauro Marini naceu no ano 1932 en Brasil e morreu nese mesmo país en 1997. As súas achegas teóricas, a partires práctica e dunha razoada análise da realidade en Brasil, Chile, Cuba, México... son unha reflexión necesaria pra construír unha alternativa de xustiza social nas nacións dependentes, neocoloniais, ou naquelas que carecen de estado proprio ou de capacidade de decisión sobre temas estratéxicos. A súa é unha contribución ao pensamento e ao debate, sempre necesario. Marini insírenos na ligazón estreita que existe entre clase social e soberanía pra acadar a liberación nacional e a xustiza social. Como obxectivos urxentes pra superar un capitalismo na súa etapa senil, que se reflicte no fracaso da globalización neoliberal, o estrago dos ecosistemas, o esgotamento de materias primas, o desequilibrio demográfico, a especulación e as guerras como un medio máis, o medre da desigualdade... 

Te puede interesar