Opinión

México-USA, as hipotecas da globalización

 México-USA, as hipotecas da globalización

As últimas eleccións significaron un cambio en México, que se debe trasladar ao laboral e social, ao económico e á diminución da violencia. López Obrador é ante todo un patriota, non propón transformacións sistémicas, senón unha sociedade que evite as situacións de marxinalidade, quere construír unha democracia republicana. Esta foi a mensaxe que escoitei varias veces, tanto na praza do Zocalo, ateigada de xentes populares e emocionadas polas súa mensaxe, como nas intervencións que realizou nos encontros internacionais organizados polo Partido do Traballo. 

Non se pode obviar que neste contexto, dada a correlación de forzas actual e as tendencias dominantes, non serán doados os cambios pra repartir máis equitativamente o traballo e a riqueza e dar azos a participación das clases subalternas. Tanto pola oposición interna das clases dominantes, como polo papel subalterno que este país xoga na cadea de valor,  respecto dos Estados Unidos. Un exemplo tivémolo na re-negociación do Nafta, e agora coa ameaza de Washington de aumentar os aranceis ás exportacións mexicanas, se López Obrador non fai de muro policial á masiva inmigración que fura a fronteira sur dos Estados Unidos. 

A postura de Trump busca cumprir súa promesa no tema migratorio (aínda que sexa aparente ou conxuntural) dado os atrancos que atopa no Congreso pra construír o muro, e a proximidade das eleccións presidenciais. Ademais, venlle ben pra desalentar ao capital de Estados Unidos en México, e renegociar o papel que ten este país na cadea de valor. Como está a facer noutros estados do mundo, empregando á ameaza, impoñendo sancións e mesmo intervindo se fixese falla, e existisen condicións propicias. No caso de México a dependencia das exportacións aos Estados Unidos é notábel, representan máis do 80%, ao que cómpre engadir as remesas dos emigrantes (máis de 36 millóns de persoas) que foron de 26 mil millóns de dólares en 2017.  

Diante das ameazas de Trump respecto da cuestión migratoria, e da postura represiva que segundo el debería manter o Governo mexicano, López Obrador propuxo un plan de desenvolvemento pra centro América. Asemade, está a  executar medidas pra frear a fuxida e axuden a que os inmigrantes se recolocar en México. Apoiar as economías centroamericanas, deixar de arroupar aos réximes autoritarios e corruptos por parte de Washington, isto permitiría, aínda que non fose inmediatamente, a medio prazo reducir a pobreza e a violencia (restándolle apoio ás “maras”, e outras organizacións delituosas). Consolidaríase a democracia evitando a perda de capital humano. Mais, sendo isto razoábel e necesario, non é precisamente o papel que practican as potencias hexemónicas e as grandes corporacións nos países subalternos. Que razóns habería pra que agora fose distinto? 

Non se debe obviar que México, malia ser a segunda economía de América Latina (despois do Brasil) ten grandes ataduras con Washington. Tanto no comercio exterior, como polas empresas USA no seu territorio e as remesas dos emigrantes. Polo que, toda medida de presión que tome Trump ten un efecto inmediato. É verdade que tamén atinxiría aos Estados Unidos, mais Washington ten moita capacidade pra substituír importacións e deslocalizar empresas. Forza abondo pra torcer a vontade do Governo de López Obrador. Os maiores puntos débiles de Trump son: a riada migratoria e as demasiadas frontes de conflito abertas. 

Neste caso, como noutros (vexase a situación da UE respecto de Irán), reflíctese claramente a quen serve a globalización, pra alén do discurso sistémico. Pra poder decidir en liberdade, pra evitar as crises impostas dende as grandes potencias, cómpre diversificar o comercio exterior, contar con economías autocentradas e sostíbeis, e cun reparto xusto da riqueza. 

Te puede interesar