Opinión

O milagre laboral 
ten truco

Seica Rajoy está a facer o milagre de converter o medre do PIB nunha porcentaxe semellante ou superior de xeración de postos de traballo, e manter a competitividade exterior. Ou cando menos, isto é o que nos queren vender, acompañado da propaganda de: vótame a min e ao meu partido e terás emprego no futuro inmediato aínda que leves anos no desemprego. O feito de que esteamos en campaña electoral dá folgos a este tipo de mensaxes que fan unha lectura idílica do presente, por parte do PP. Mentres que a oposición, todo o supedita a un cambio de partido. Pouco se fala dun modelo alternativo, no económico, social e territorial, e só a cuestión catalá anima a confrontación nunhas eleccións á norteamericana. Todo se centra nos debates televisivos, discursos xenéricos de como usar os orzamentos pra atender as situacións máis graves (a xustiza social, un mellor reparto do traballo e dos ingresos, fica esquecida), saídas ao conflito territorial que nunca se concretan, carisma e capacidade de teatralización dos líderes...

O primeiro a destacar encol das cifras de ocupación é que se crea menos emprego do que baixa a cifra de parados. Ou sexa, que diminúe a povoación activa, pra Galiza en 100.000 persoas, durante o governo de Rajoy. E isto acontece pola sinxela razón da emigración, do retorno de estranxeiros e dos que deixan de procurar un traballo, desalentados. É dicir, porque non ven futuro laboral, o que contradí o discurso optimista dos conservadores.

O segundo aspecto a termos en consideración é que máis dun 50% do novo emprego que se xerou na Galiza no último ano foi a tempo parcial, xa que esa taxa, nos novos contratos, multiplica por tres a que hoxe existe (sobre un 15% do total). Polo tanto, estase creando emprego de menos calidade, ademais con menor xornada laboral (declarada), e sobre todo, con salarios moito máis baixos. Se calculamos en relación á xornada completa, o medre do emprego sería moi inferior. Só así se entende que se xere en porcentaxe máis emprego que a taxa de crecemento anual do PIB. Se non fose deste xeito, a economía estaría perdendo capacidade competitiva ou os empresarios renunciando a parte do lucro. Non semella ser o caso, porque os beneficios empresariais non deixan de medrar, aínda que se repartan dun modo máis desigual, dada a forte tendencia á centralización e concentración da riqueza.

A terceira cuestión é que o medre actual do PIB e do emprego, sendo positivo, ten un carácter moi conxuntural, e ademais seguen a aumentar as desigualdades entre clases e territorios. Isto acontece porque a economía do Estado español e de Galiza non tomaron as medidas necesarias pra recuperar a capacidade produtiva e combater a desigualdade. O crecemento actual da economía débese fundamentalmente: á queda do prezo do petróleo e gas; á flexibilidade cuantitativa do BCE, co aumento do crédito ás empresas e queda do valor do euro; ao crecemento do turismo pola complexa situación política en países competidores, como Tunisia, Grecia, Exipto, etc. e por un euro máis barato; e ao aumento dos investimentos públicos, co consentimento da UE, ou de parte dela, pra axudar a un governo amigo antes das eleccións (neste contexto hai que entender o debate sobre o déficit entre cargos do PP e outros de distinto signo na UE).

Pra Galiza, o futuro é preocupante, como o amosan as previsións de perda de povoación (só en 2014 perdemos 17 mil habitantes, especialmente mocidade), indicativo da falta de emprego e do baixo crecemento do PIB. Os tratados de libre comercio, a lei da selva en beneficio das corporacións e países máis fortes, aceleraran este recuar produtivo e demográfico. O único muro de contención pra evitar a desfeita é termos soberanía e poder defender nos foros internacionais os nosos intereses.

Te puede interesar