Opinión

A mobilización conta

Non se pode obviar que a pandemia debilitou a economía, porén tamén que se utiliza como escusa pra lle dar máis presión á maquina de facer diñeiro a costa da clase traballadora. Unha dualidade que está presente acotío, tamén nos sectores dixitalizados e no teletraballo, que tanto se poñen como exemplo como futuro da economía, polo que necesitan dunha reflexión máis detida. Non pretendo cuestionar a tecnificación e dixitalización, que sempre considerei fundamental (por algo estudei nunha escola industrial electricidade e logo varios anos electrónica na Facultade de Enxeñería en Bos Aires, hai máis de cinco décadas). O problema é, que non se trata só de que se avance na dixitalización e na súa utilización, senón que o fundamental é: quen controla este proceso e como se distribúen seus beneficios entre as clases sociais e no ámbito territorial. 
Todo indica que malia o fracaso da globalización neoliberal, como se reflexa na extrema concentración e centralización da riqueza e do poder, e polo tanto da desigualdade, precariedade, destrución ecolóxica e aumento da violencia, e ao mesmo tempo estanse construíndo aceleradamente novos métodos de explotación e opresión. Por exemplo a través dos riders, ou das corporacións que saltan fronteiras e non pagan impostos ou tributan cantidades ridículas. Estase desmantelando gran parte da comercio e servizos locais en beneficio das corporacións das grandes potencias. A alternativa non pode ficar reducida a pedirlle á pequena empresa que se modernice, cómpre unha actitude activa por parte dos governos pra dirixir e arroupar este proceso, así como denunciar a artificiosa e perigosa confrontación das persoas no papel de consumidores e produtores. A interpretación e destes conceitos, e resolución desta contradición, con consecuencias económicas e sociais tan fortes, non poden estar supeditado ao interese privado dunhas poucas persoas.
Agora ben, resulta evidente que perante a pandemia non é doado organizar a protesta, por máis xusta e urxente que sexa, dado que están en vigor medidas preventivas contra o covid19, lóxicas e necesarias, que co obxectivo de manter as distancias restan participación. Aínda así, estas manifestacións teñen un gran valor, porque dan visibilidade aos problemas e socializan as medidas necesarias pra súa solución. Ademais permiten que a clase traballadora e o povo en xeral contraste propostas e o grao de iniciativa e coherencia de cada forza sindical e política. 
Con este obxectivo, o sete de febreiro a CIG vai realizar manifestacións, marchas e concentracións en 18 cidades e vilas galegas, poñendo o foco en temas esenciais: a derrogación das reformas laborais e das pensións, aumentar o SMI; que os governos central e galegos tomen medidas contra o proceso de destrución do tecido produtivo, nacionalizar empresas estratéxicas en perigo, repartir o fondo da UE con criterios territoriais; que se fortalezan os servizos e prestacións públicas. É lóxico que se realicen estas medidas de presión, porque o tempo vai pasando e as principais promesas electorais do Governo en materia laboral non se cumpren. Ademais, son moitas as empresas galegas que están a punto de pechar ou despedindo persoal, especialmente no sector da enerxía, aluminio, naval... Actividades que sempre foron dinamizadores da nosa economía e moi importantes pra o equilibrio da balanza comercial. 
Como se resolva a situación actual está ligado á reconstrución pos-covid. Terá importancia o protagonismo da clase traballadora, da relevancia do nacional galego e do publico en relación co global e o privado. Polo tanto dependerá de como se resolva a correlación de forzas neste período da pandemia. Daquela a importancia da mobilización nesta conxuntura tan complexa e decisiva. 

Te puede interesar