Opinión

A mobilización é a que empurra o cambio

Resulta evidente que a proposta de coaligazón que o PSOE fixo a Podemos, na fracasada investidura de xullo, na que remarcaba a minoría de UP, formaba parte dunha escenificación pra responsabilizar ao partido morado. En boa medida Pedro Sánchez acadou este obxectivo, xa que as enquisas danlle unha subida, de se realizar novas eleccións. Fortalecendo así esta opción, ou a de poder governar en solitario cos votos prestados de UP e do soberanismo, e logo pactar a esquerda e dereita segundo o tema, a situación política e social, e as presións de Unión Europea e da patronal. 

Esta é unha estratexia que responde á historia do PSOE, dende a entrada na OTAN, se non fose porque Pedro Sánchez se presentou na disputa interna como impulsor dun xiro á esquerda. Mais axiña foi dando pasos atrás naqueles aspectos nos que o capital está menos disposto a ceder, máxime cando todo indica que ficamos diante dun novo axuste (que se presenta polo sistema como se fose unha crise económica inevitábel (obviando os intereses imperialistas e de clase). Un aspecto previo a termos en consideración, é que, algunhas das 370 medidas programáticas do PSOE invaden as competencias das autonomías (dá que pensar). Vexamos algunhas das medidas no eido laboral e das pensións, que están estreitamente relacionados. 

Afirma o PSOE que se elaborará un novo Estatuto dos Traballadores, que  por certo levará anos redactalo, e condiciona a eliminación da reforma laboral de 2012 a analizala con carácter de urxencia, pra aprobar modificacións nos aspectos máis negativos. Estes, concretaríase en recuperar a ultra-actividade nos convenios, reducir a temporalidade e revisar as causas que permiten mudar substancialmente as condicións laborais. Agora ben, seguiría vixente a primacía dos convenios de empresa sobre os de sector, o que condena ás empresas máis pequenas e/ou con pouca organización sindical, que son a maioría, a padecer peores condicións de traballo. É de esperar que esta exclusión sexa rexeitada polas centrais sindicais, xa que contará co apoio entusiasta da patronal. Daquela, que fará o Goberno de Sánchez? Realizaríase tamén unha reforma limitada da Lei Mordaza, que couta e reprime a protesta laboral, e ren se di da supresión do artigo 315.3 do Código Penal. 

Respecto das pensións proponse que se blinde na Constitución o sistema público, e garántese que durante a lexislatura aumente co IPC, mais deixase o seu deseño definitivo en mans do Pacto de Toledo. Onde a confrontación de posturas impediu até o momento calquera acordo consensuado. Ou sexa fican abertas cara o futuro alternativas tan distintas, como: converter o sistema público nun mínimo asistencial, dándolle folgos ás pensións privadas; ou que o sistema público garanta unhas pensións dignas, o que implica un aumento da media dos salarios e que os orzamentos do Estado cubran os posíbeis déficit. A terceira opción sería a de amosar unha preocupación artificial, poñer algúns parches, e deixar que o tempo vaia deteriorando o sistema até que o déficit do sistema faga irreversíbel complementar a pensión cun fundo privado. 

Moitas das medidas propostas polo PSOE son un avance, aínda que a maioría teñen un efecto moi limitado. Non se propoñen cambios que garantan salarios dignos, e un reparto do traballo acorde co aumento da produtividade e co carácter estrutural do paro (reducindo a xornada laboral). Polo tanto, e dado que o traballo asalariado é central na actividade económica e pras condicións de vida da maioría, e que as institucións volven amosar súas limitacións, e os triunfos neste e outros eidos seguen a depender da mobilización. Tanto pra evitar os retrocesos que pretende impoñer ou consolidar a dereita, como pra forzar á esquerda sistémica a realizar os cambios necesarios pra reverter o medre da desigualdade entre clases sociais e entre as distintas nacións do Estado español.

Te puede interesar