Opinión

Moito cisma a Ministra de Traballo

O Governo central, ou sexa o PSOE+UP, teñen unha débeda de compromisos electorais coa clase traballadora, que non cumpriron en boa medida. Por exemplo, respecto da recuperación dos salarios de tramitación por despedimento, que a indemnización nun despido improcedente sexa de 45 días por ano traballado cun máximo de 42 mensualidades (non 33 días e 24 meses como se impuxo coa regresión de Zapatero e Rajoy). Que os EREs deixen de ser automáticos ao solicitalos a empresa, e deban ser aprobados polo organismo público correspondente, e tendo en conta a opinión dos traballadores/as etc. Ao que cómpre engadir o obxectivo de crear emprego, dado as altas taxas de paro; e a necesidade de aumentar o SMI, e garantir un medre dos salarios que como mínimo compense a perda do poder adquisitivo. 

Respecto da incidencia da inflación nos salarios quero facer unha consideración previa. A alimentación, mobilidade, enerxía, telefonía e vivenda, que son gastos básicos, representan unha maior porcentaxe dos pagos nas familias con menores ingresos. E, ademais, mentres que a inflación media anual foi do 8% en setembro no Estado español os alimentos atinxiron un aumento do 14%, e aínda máis forte foi a alza da enerxía. 

Nestes temas deberían estar colocados os focos do Governo e moi especialmente os de Yolanda Díaz. Mais non foi así, e estes días ante o fracaso pra realizar un novo pacto social, algo do ca patronal non quere sequera escoitar falar, porque coida que lle é máis beneficioso o corpo a corpo na empresa e sector, dado as ameazas sobre o futuro da economía e do emprego. Porén isto non evitou que as folgas e mobilizacións ligadas aos convenios vaian a máis. Se cadra por esta razón, buscando manter o protagonismo mediático, a Ministra de Traballo abriu dous novos frontes. Un respecto da indemnización por despedimento e outro en relación cos EREs. Neste último, en vez de entrar no fondo do problema, a aprobación administrativa previa, consultando á representación obreira, dá un paso propondo a súa xestión centralizada. Como se as competencias autonómicas non perdesen gran parte da súa incidencia, por mor de leis e organismos europeos e estatais recentralizadores. Chama a atención porque seica defende o dereito de autodeterminación (canto cambio entre estar na oposición e tocar o poder en Madrid). 

O que resulta menos doado de entender é a proposta que fai a ministra de modificación da indemnización por despedimento, substituíndo o modelo actual (contía do salario e anos traballados) por un que dependería da: idade, estudos, xénero, cargas familiares,... Claro que estas modificacións, ademais de non atender a cuestión de fondo que é recuperar a indemnización de 45 días por ano traballado e o máximo de 42 mensualidades, tamén tería efectos negativos cando o empresario/a contrate, porque o custe do despido non estaría unido ao tempo traballado senón a outras causas. Unhas causas que empresario/a tería en conta pra reducir custes en caso de despedimento. En todo caso a ministra debería estar máis preocupada en como se melloran as prestacións económicas que se cobran no paro, tanto en relación coa súa contía como no tempo ao que se ten dereito. 

Seica estas son ideas que se están a debater na Unión Europea, vexase que ningunha delas contempla un aumento digno do salario mínimo, a redución da xornada laboral sen rebaixa do ingreso económico, pra avanzar no pleno emprego. Ou garantir que todo desempregado/a conte cun ingreso, a cambio de traballo social e formación profesional. O certo é que antes pola pandemia e agora pola guerra, e mañá con outra escusa, malia toda a boa vontade neoliberal, a riqueza está cada vez máis concentrada e o reparto é máis desigual. Cómpre un cambio sistémico.

Te puede interesar