Opinión

Moito máis ca un xantar

O pasado 2 de marzo cumpriuse un aniversario máis do Banquete de Conxo, que se realizou no ano 1856 no lugar do mesmo nome que fica na contorna de Santiago de Compostela. Trátase dunha data importante na historia da Galiza, xa que foi a primeira vez que a clase obreira tivo un recoñecemento especial na sociedade do noso país. A iniciativa sería de Aurelio Aguirre, poeta, persoa con predicamento entre os obreiros e estudantes de Santiago de Compostela, e un divulgador das ideas socialistas entre a clase operaria (maiormente artesáns naquela época). Nesta tarefa destacaron ademais Pondal, Rodríguez Seoane, Camino, Murguía, e se cadra, Paz Novoa e Rosalía de Castro. A prédica tivo éxito en sectores obreiros, como o dos tipógrafos, e en cidades como Compostela e Pontevedra.

A Galiza tiña unha povoación de 1.800.000 habitantes que representaba o 12% do total do Estado español (practicamente o dobre da proporción actual). Dende finais do século XVIII, o millo, as patacas e as fabas permitiron unha mellor base alimentar e que medrase o número de habitantes. A clase traballadora xa tiña o seu protagonismo social, como reflicten as protestas pola introdución polos cataláns de novas artes de pesca, que lles outorgou a estes o monopolio no sector. Lembremos algúns dos motíns dos mariñeiros: en 1757 en Corcubión e Cee, en 1763 en Redondela e na bisbarra de Vigo, en 1782 na Coruña, ou os gravísimos acontecementos da Ría de Muros e Noia en 1812.

Naquel intre a Galiza padecía os últimos anos dunha etapa depresiva, que encetara en 1817. A situación foi dramática dende 1852 ate 1855 xa que a fame espallouse polas aldeas e cidades. Por mor dos fortes temporais e do peso dos impostos, a xente morría de fame nos camiños e nos portais. Pediuse desde distintos ámbitos que se adiase o pago de trabucos e que se impedisen os embargos, mais sen ningún resultado. “Neste mesmo senso dirixíronse ao Congreso en 1855 os concellos de Ourense, o Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín, Xinzo, Viana, Valdeorras, Allariz e Pobra de Trives; recoñecendo no escrito que a provincia está extenuada pola fame” (Historia de Galicia, X.R. Barreiro Fernández).

Con seguridade, este contexto alentou a organización do Xantar de Conxo, mais tamén a insurrección de 1846. Esta tivera un forte contido liberal e provincialista, de pre-nacionalismo galego. Era o reaxer diante da desaparición do Reino de Galiza e a denuncia da colonización do país pola Corte Española. Logo daquel levantamento viría a dura represión e a fuxida de moitos dirixentes a Portugal, entre eles Antolín Faraldo. Sería o segundo grande exilio, en palabras do historiador Emilio González López, só comparábel ao que provocou Enrique de Trastamara no século XIV, cando a maioría da nobreza galega tamén se exiliou no país irmau.

O banquete tiña como finalidade ser un encontro fraternal entre estudantes e obreiros. Mais, as autoridades non o viron ben, especularon cunha revolta, o acto foi censurado e os organizadores excomulgados pola xerarquía relixiosa, nunha época na que isto significaba unha condena pública. Seica as “damas composteláns puxeron velas aos santos” temendo unha repetición do que pasou en París en 1848, onde a insurrección encetou cun banquete semellante. A carballeira foi arrodeada por soldados mentres durou o xantar. As verbas máis fortes foron as de Pondal. Denunciados por sediciosos, Pondal e Aguirre foron ameazados con seren deportados ás illas Marianas, no océano Pacifico.

O Xantar de Conxo foi escollido polo galeguismo como unha das súas datas senlleiras. Había motivos abondo pra que fose deste xeito. Asemade, este feito reflicte que dende o primeiro xermolar o nacionalismo estivo unido ás clases populares galegas, neste caso á clase operaria que tamén daba os seus primeiros pasos.

Te puede interesar