Opinión

Un mundo multipolar e onde prime a negociación

O fortalecemento dos BRICS, coa entrada de 6 novos países, reflicte que xa ficamos nun mundo multipolar, por máis que Estados Unidos e a UE o neguen. Como o fai Biden afirmando que esta asociación internacional é débil, pola diversidade e complexo dos seus intereses, e a existencia de contradicións en certos temas entre algúns deles (por exemplo China e a India, Arabia Saudita e Iran, Exipto e Etiopía...). Mais os acordos logrados en Xohanesburgo, en Sudáfrica, amosan que é moito máis o que os une. Concretamente, o rexeitamento a un mundo unipolar no que Washington, coa axuda de potencias que cumpren un papel subimperialista (a UE, Xapón, Canadá...), deciden que é democrático ou non, e o lugar de cada nación na cadea de valor,... intervindo e sancionando aos demais países cando non aplican as directrices imperiais pra defender a súa soberanía e intereses. 

Sen dúbida os BRICS+ non son un bloque pechado, como é o G-7, onde o lugar de cada quen xa está fixado e non é doado que mude, a menos que o acepte ou propoña a potencia hexemónica (os Estados Unidos). Daquela que, cando menos nesta etapa, e dependendo moito do grao de confrontación ao que chegue Washington pra evitar a consolidación dun mundo multipolar, e mentres unha potencia como China non supere a USA en todos os ámbitos, haberá países con relacións tanto cos BRICS como coas potencias occidentais ao mesmo tempo. Como argumenta Biden esta pode ser unha debilidade, mais tamén a fortaleza dun proxecto, máxime cando está en ascenso, e neste intre hai máis de vinte países pedindo a súa incorporación e os Países Non Aliñados asistiron como convidados. 

Os BRICS+ representan o 47% da povoación mundial, o 36% do PIB, o 39% das exportacións de petróleo. A estas potencialidades hai que sumar a decisión de comerciar en moedas nacionais, substituíndo o papel do dólar, que é un dos piares sobre os que se basea a hexemonía norteamericana. Resulta evidente que a reunión de Xohanesburgo significa un cambio cualitativo no ámbito económico que unido á capacidade de Rusia de facer fronte na guerra da Ucraína ao exército deste país con todo o apoio da OTAN, converte este cambio en xeo-estratéxico. É así porque o multilateralismo implica aceptar a pluralidade, a diversidade, como un alicerce fundamental nas relacións internacionais. Cando menos na teoría e nesta etapa tamén na práctica porque é o activo máis importante das potencias emerxentes. Todo indica que a evolución do proceso impoñerá unha estrutura menos piramidal que a actual, mais respectuosa da soberanía e da relacións entre iguais, aínda que o peso de cada país sempre terá relevancia. 

Sen dúbida, acelerou este proceso de cambio o avance económico e demográfico dos países da periferia, así como, o feito de esixir que a resposta ao cambio climático teña en consideración o grao de responsabilidade de cada nación e polo tanto de contribución pra evitalo. Ao que hai que sumar: as intervencións no exterior, as sancións, o conxelamento de activos, nunha actitude cada vez máis agresiva, utilizando unha vara distinta de medir. Por exemplo, respecto da ocupación Rusa de áreas da Ucraína (que non esquezamos Kiev levaba bombardeando desde 2014 e son de cultura rusa), mentres USA ocupa parte de Siria, contra a vontade dese governo, aceptándose como algo normal por parte das potencias occidentais e organismos internacionais. O mundo confronta graves retos climáticos, demográficos, de modelo de produción, de mobilidade, e mesmo de modos de vida. Son atrancos que non se poden solucionar a través da forza (máxime con armas atómicas polo medio). A fortaleza dos BRICS está en que reclama non só o recoñecemento da diversidade, senón un trato entre iguais, a negociación en lugar de dar pulo á confrontación alentando a guerra.

Te puede interesar