Opinión

O nacional como 
muro de contención

Se cadra é unha casualidade que se impute a Artur Mas e outros dous representantes da Generalitat pola convocatoria do referendo do 9-N do pasado ano, xusto dous días despois de realizadas as eleccións catalás. Porén, calquera diría que é un feito que se tivo moi en conta. Mesmo semella que as posturas e tempos do Governo central e máis do sistema xudicial están sincronizados. Non é o único caso nen lugar onde esta sospeita cobra forza. Ollemos por exemplo a resolución do Tribunal Constitucional favorábel ao regresivo decreto de plurilingüismo da Xunta de Galiza, que é claramente lesivo pra utilización do galego no ensino.

Os poderes económicos, políticos e xudiciais, parecen formar un único corpo, cos mesmos obxectivos, que afogan calquera expresión disonante coa España unitaria, entusiasta cos toros, de prevalencia do castelán, atenta ao que respira Madrid, e satisfeita co modelo económico e social vixente. Mais sobre todo, incapaz de aceptar como iguais outras culturas e sensibilidades. Evidentemente esta é a postura das clases dominantes no Estado. O povo, hoxe máis que nunca, fica fóra do escenario, carente de protagonismo. Mesmo sendo así, existindo esta distinción de clase, non se pode ignorar que canto máis lonxe do poder, económico e político, maior é o grao de desigualdade, menor o medre do PIB, e os salarios e pensións medias son máis baixos. O territorial conta moito, tal como o demostrou a Teoría da Dependencia.

Os resultados das eleccións catalás déronlle o triunfo ao independentismo, iso non ten dúbidas. Afirmar que os partidos soberanistas atinxiron menos votos que os que se opoñen á independencia é unha hipótese tan válida como outras que din o contrario, que só se podería comprobar realizando un referendo. Ante todo, porque non se pode ignorar que hai forzas con propostas ambiguas sobre o tema, como Catalunya Sí que es Pot, que recolleron votos do celeiro soberanista. En que proporción? É difícil determinalo sen facer unha consulta clara sobre o tema.

Tampouco se pode cuestionar a maioría soberanista no Parlament, xa que nas eleccións de 2009 Núñez Feijóo conseguiu a súa malia ter menos votos que a suma de PSOE e BNG. Responde a un sistema electoral que, ate hoxe, foille sempre funcional aos partidos sistémicos, e que privilexia certas provincias e os partidos máis votados, seica pra compensar as desigualdades e garantir a governabilidade. Algo que nun caso non aconteceu e noutro é moi cuestionábel. Mais, se valeu ate hoxe, non hai razón pra mudalo xusto agora. Persoalmente, penso que o democrático é que o voto valga igual en todos os lugares, que o sistema sexa proporcional, e que o chanzo mínimo que se esixe pra entrar nas institucións garanta a máxima pluralidade existente na sociedade.

Hai medios de comunicación que dan por rematado o proceso de independencia. Non vai ser así, xa que deixou de ser unha cuestión de vangardas, e a tensión estendeuse á rúa en todo o Estado. Ademais, Rajoy axe como se non pasase ren. Na mesma liña compórtase Pedro Sánchez, malia que pretenda aparecer como máis dialogante, xa que fala de reformar a Constitución mais sen recoñecer a pluralidade nacional.

Non queren aceptar que o mundo cambiou, que a globalización dá pulo ao territorial, ás nacionalidades, como un muro de contención contra as múltiples formas de opresión e imposición da desigualdade dende un poder mundializado que o abafa todo. Negar o feito nacional cando se recoñecen as nacionalidades como unha diferenza cualitativa entre as autonomías, ademais de ser absurdo, só se entende por puro autoritarismo. O Estado español está en crise: económica, política e sobre todo cultural, e atado a un proxecto sen futuro pras clases populares e pequenas nacións que se chama UE.

Te puede interesar