Opinión

Non chega con volver ao pasado

Os datos do segundo trimestre amosan o “rebote” da actividade económica que anticipaban os analistas, diferenciando esta crise doutras anteriores, como a de 2008, onde a recuperación levou moito máis tempo. Daquela que a porcentaxe do crecemento sexa tan alto, na Galiza medrou o PIB un 19,5% en termos anuais e unha porcentaxe moi semellante no emprego; agora ben, o recuar foi máis grande que noutros países da UE.

No crecemento económico salientan aqueles sectores que foron máis mallados pola pandemia, como é o caso das actividades artísticas e recreativas que o fixeron nun 54,2% en termos anuais e o transporte, comercio e hostaleira, que aumentou un 51,9%. É unha boa noticia, que se terá que contrastar cos datos deste terceiro trimestre, sabendo xa que en agosto o turismo tivo cifras moi positivas, así como o consumo dos residentes.

Tamén hai puntos frouxos. Por exemplo que o crecemento do PIB, en termos anuais respecto do 2º trimestre deste ano é inferior na Galiza á media do Estado español, que atinxiu o 19,8%. Tamén a inflación foi maior no noso país, xa que chegou ao 3,5% en termos anuais, mentres que no conxunto do Estado atinxiu o 2,9%; ademais é superior a da zona euro, que só chegou ao 2,2% (ao mes de xullo; en agosto volveu a subir). Un diferencial que afecta a competitividade.

Este medre do IPC debese en boa medida ao prezo da luz e dos combustíbeis, e seus afectos sobre diversos sectores produtivos; así como á subida do custe da vivenda. Unha diminución nos ingresos reais. O que atinxe especialmente ás persoas asalariadas e pensionistas, xa que non poden trasladar inmediatamente esta caída de ingresos a terceiras persoas, xa que dependen da negociación colectiva e os aumentos que das prestacións decida o Estado.

Esta evolución á alza da inflación en principio acrecenta a desigualdade social e as situacións de pobreza. Daquela que neste intre teña máis sentido que nunca a derrogación das reformas laborais (tanto do PP como do PSOE) e da Lei Mordaza (esta última leva meses de debate no Parlamento), así como o prometido aumento do salario mínimo interprofesional (SMI) ate o 60% do salario medio en 14 pagas. A Ministra de Traballo asegura que antes de fin de ano haberá un novo texto en materia laboral. Ate que punto o Governo deixarase condicionar pola patronal e Bruxelas?... Os antecedentes non son moi positivos neste tema.

Respecto do SMI o Governo aposta por unha subida de 15 euros, que a esta altura só compensa a metade da suba do IPC. Ademais só afectaría os últimos tres meses do ano e unha paga, os/as afectados perderían parte do seu poder adquisitivo este ano, e atoparíase máis lonxe do obxectivo de acadar o 60% do salario medio no ano 2023. Ou sexa que na práctica, malia as boas palabras, estanse dando pasos atrás. A postura do PP é máis regresiva xa que supedita os aumentos salariais á recuperación económica e a crear emprego, un obxectivo que nunca dá por conseguido. Obvia que mellores salarios aumentan o consumo, e que nos últimos anos no reparto da renda a patronal gañou máis de catro puntos no PIB, e que este medre da desigualdade fortalecese en situacións de crise, nas que se utiliza a escusa de xerar emprego pra conxelar os salarios e prestacións públicas.

Non se pode ignorar que hoxe a economía está moi globalizada, que a pandemia non está superada a nivel mundial, polo que os atrancos no fluxo de bens e persoas nun país pode afectar fortemente a outros. Estas son as eivas da economía de escala, do neoliberalismo, da ruptura do equilibrio entre a humanidade e o ecosistema. Cómpre dar pulo a economías verdes, autocentradas e sustentábeis, e a un reparto máis xusto do traballo e da riqueza entre clases e territorios. Non se pode adiar máis este obxectivo, hai moi pouco tempo histórico.

Te puede interesar